A Xunta destina 51.630 € á mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Paderne de Allariz
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras levadas a cabo
A actuación executouse no marco da convocatoria do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local
Paderne de Allariz (Ourense), 24 de abril de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no campo de fútbol de Paderne de Allariz, que incluíron, entre outras actuacións, a renovación da iluminación coa substitución das antigas luminarias por outras de tecnoloxía LED, así como a instalación de bombas de calor de auga sanitaria de alta eficiencia e de sistemas de cubrición a base de panel sándwich.
O Goberno galego destinou 51.630 euros a estas actuacións ao abeiro da convocatoria de 2025 do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL), destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e que contou cun orzamento de 5 millóns de euros. Durante a visita, Natalia Prieto explicou que estas actuacións repercuten nunha redución considerable do consumo e custo da enerxía eléctrica e contribúen á mellora da vida local.
Neste senso, aclarou que mediante achegas coma esta desta liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de achegas que permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos en toda Galicia impulsados por concellos e tamén por entidades veciñais
Entre estas medidas postas en marcha o ano pasado inclúense, entre outras, esta liña dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotada con 5 millóns de euros, así como a Orde de Infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros), o Fondo de Compensación Ambiental (máis de 11 millóns), o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinado a proxectos estratéxicos (máis de 8,2 millóns ) e as ordes plurianuais 2024-2025 e 2025-2026 de axudas de mellora de eficiencia enerxética en concellos de menos de 30.000 habitantes cofinanciadas con fondos Feder e cunha dotación de 10,3 millóns. A estes apoios súmanse os 3 millóns das axudas do Plan específico de acción comunitaria destinadas a asociacións de veciños e mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.
O investimento realizado nos últimos anos a través das distintas liñas de apoio ao eido local no concello de Paderne de Allariz superan os 298.300 euros.