O conselleiro de Sanidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e co xerente da área sanitaria, Ramón Ares, interveu, no HULA, no acto inaugural da III Reunión de CardioPrimaria

Gómez Caamaño destaca que a coordinación entre atención primaria e hospitalaria na área de Lugo permite dar resposta aos pacientes cardiolóxicos no prazo máximo de 10 días

Subliña, ante todo, a priorización entre os distintos cadros clínicos, ademais de gañar en rapidez na resolución dos procesos

Lembra como grande avance da telemedicina a plataforma Telea do Servizo Galego de Saúde, con máis de 10.000 pacientes cardiovasculares monitorizados desde o seu domicilio

Resalta o labor dos centros de saúde tamén na prevención da enfermidade cardiovascular, con seguimento de factores de risco e promoción de hábitos de vida saudables

Lugo, 24 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia a coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria na área sanitaria de Lugo, que está a permitir dar resposta aos pacientes cardiolóxicos nun máximo de 10 días.

Así o indicou na súa intervención durante o acto inaugural da III Reunión de CardioPrimaria (CYMAP 2026), celebrado no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti, e no que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.

Gómez Caamaño sinalou que desde o ano pasado a área sanitaria lucense dispón dunha consulta clasificatoria de cardioloxía desde atención primaria. A través dunha lista dos principais procesos de derivación consensuados entre os profesionais de primaria e de Cardioloxía, realízase unha correcta valoración e dáse resposta por parte do Servizo de Cardioloxía do hospital nun prazo de entre 7 e  10 días.

O conselleiro de Sanidade destacou a importancia de acadar unha maior rapidez na resolución dos procesos e, sobre todo, unha priorización dentro dos distintos cadros clínicos dos pacientes.

En canto ao seguimento de pacientes, o Servizo Galego de Saúde destaca tamén pola monitorización desde o domicilio de máis de 10.000 pacientes cardiovasculares a través da plataforma Telea.

Ante patoloxías tempo-dependentes, Galicia dispón dunha rede coordinada entre o 061, a atención primaria e a hospitalaria a través do Código Shock Cardioxénico, ao mesmo tempo que o programa Progaliam establece un protocolo de resposta áxil para situacións críticas como o infarto agudo de miocardio.

Reforzo da atención primaria

Nas súas palabras, Gómez Caamaño fixo especial referencia á atención primaria, xa que os centros de saúde desenvolven boa parte da prevención cardiovascular a través do seguimento continuado dos factores de risco e da promoción de hábitos de vida saudables.

A Xunta reforza cada ano este nivel asistencial e en 2026 acádase un investimento histórico nos orzamentos do Goberno galego de 1.747 millóns de euros.

Para afondar nas melloras do primeiro nivel asistencial, a Consellería de Sanidade está a traballar, en colaboración cos sindicatos, nunha reforma integral da atención primaria. Búscanse medidas para reducir a burocracia, mellorar a organización das consultas e impulsar axendas máis flexibles.

Ademais, reforzarase a súa estrutura directiva coa creación dunha Dirección Xeral de Atención Primaria dentro do Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2026