A conselleira participou hoxe en Cambados na VII Xornada Triple Hélice dentro do foro empresa Pontevedra: Retos de futuro do desenvolvemento rural de Galicia
María José Gómez afirma que o futuro de Galicia pasa por un medio rural con base produtiva, industria, calidade e estratexia polo que aposta a Xunta
Debulla un novo modelo de desenvolvemento fundamentado na innovación, a cooperación, a calidade e o territorio e reafirma que o rural galego é unha das principais bases do progreso económico de Galicia
Pon en valor o liderado da nosa comunidade no sector lácteo e o pulo doutros eidos, como o vitivinícola, a horta ou a produción ecolóxica
Salienta o impulso do Goberno galego á mobilización da terra e á modernización do sector primario a través de ferramentas como a innovación, a tecnoloxía, a formación e a investigación
Cambados (Pontevedra), 24 de abril de 2026
“Galicia ten base produtiva, industria, calidade e estratexia, pero sobre todo ten algo máis importante, que é visión de futuro; e ese futuro, na nosa comunidade, pasa polo medio rural”. Deste xeito concluíu hoxe o seu relatorio a conselleira María José Gómez na VII Xornada Triple Hélice no marco do Foro Empresa Pontevedra: Retos de futuro do desenvolvemento rural de Galicia.
Na súa intervención, que tivo lugar nas instalacións de Bodegas Martín Códax en Cambados, a conselleira debullou o novo modelo de desenvolvemento rural fundamentado na innovación, a cooperación, a calidade e o territorio. Reafirmou, ademais, que o medio rural galego é “unha das principais bases do desenvolvemento económico de Galicia, e unha das súas maiores oportunidades de futuro”.
Neste sentido, puxo en valor que a nosa comunidade conta hoxe cun dos sectores agroalimentarios máis sólidos de España, co lácteo como referente, xa que en Galicia prodúcese arredor do 42 % do leite de todo o Estado e, ademais, aproximadamente o 75 % do leite galego transfórmase dentro do noso territorio, xerando valor engadido nel. Isto, segundo destacou a conselleira, súmase ao papel relevante doutros subsectores, caso do viño, que definiu como “un dos grandes motores económicos e de identidade de Galicia” e que exemplifica o modelo no que economía, territorio e identidade “van da man”.
Cultivos con alto valor e orientación ao mercado
Nesta liña, Gómez subliñou que outros eidos produtivos, como a horta ou a planta, avanzan na diversificación produtiva. Puxo como exemplo a pataca, que sitúa a Galicia entre as principais comunidades produtoras de España, e sinalou tamén o crecemento significativo en cultivos con alto valor engadido e clara orientación ao mercado, como os pequenos froitos -arando ou amorodo-, a horticultura especializada, a produción ecolóxica ou mesmo a planta ornamental e a flor cortada.
A conselleira enmarcou estes progresos nun cambio de modelo produtivo que ten como elemento clave a calidade. Lembrou, así, que Galicia conta con 36 selos de calidade diferenciada, aos que se suman a agricultura ecolóxica e a artesanía alimentaria. Algo que, remarcou, non é unha cuestión simbólica, senón unha estratexia económica, xa que “Galicia decidiu competir en valor”.
Gómez referiuse ademais a outro elemento fundamental para o rural galego, como é a Política Agraria Común. Neste sentido, reiterou que “Galicia precisa unha PAC xusta” e que recoñeza as peculiaridades do seu territorio, algo que enlaza con dous grandes eixos de futuro, como son a mobilización da terra e a modernización do sector.
Sobre a posta en valor da terra, a conselleira trasladou que Galicia está a traballar con ferramentas como as concentracións parcelarias, o Banco de Terras, os polígonos agroforestais ou as permutas, que puxo en valor con vistas a avanzar cara a explotacións máis eficientes, reducindo custos e mellorando a rendibilidade. Trátase, dixo Gómez, non só de producir máis, senón de producir mellor.
E, neste proceso, a conselleira puxo de relevo factores como a innovación e a tecnoloxía aplicadas ao sector, así como a formación orientada á realidade produtiva e ás necesidades do territorio. Unha actividade formativa que, tal como explicou Gómez, constitúe unha clara aposta da Xunta, a través dos centros de formación e experimentación agraria, coñecidos como CFEA, que acadan unha taxa de inserción altísima. En relación coa innovación, a titular de Medio Rural salientou o papel que desenvolven os centros de investigación dependentes da Xunta, que “traballan directamente conectados co territorio”, nun labor que se reforza ademais coa colaboración coas universidades galegas, transferindo coñecemento útil ao sector.
A conselleira fixo referencia tamén á iniciativa Leader, que se centra non só no impulso ao sector primario, senón, de xeito máis amplo, a outras actividades e perfís profesionais. Recordou, neste sentido, que o Leader mobilizou en Galicia arredor de 1.000 millóns de euros nas últimas tres décadas, apoiando máis de 8.000 proxectos, consolidando 7.300 empregos e creando outros 5.300.
A riqueza forestal de Galicia
O monte galego, como “economía, emprego e equilibrio territorial”, foi outro dos eixos da intervención de María José Gómez. Así, puxo de relevo que a riqueza forestal de Galicia xera máis de 13.600 empregos directos e que mobiliza máis de 2.400 millóns de euros anuais. Por iso, engadiu, a Xunta aposta pola silvicultura produtiva, cun investimento de arredor de 15 millóns de euros entre 2025 e 2026, destinado á mellora das masas forestais, á introdución de frondosas e ao incremento da produtividade do monte. Asemade, a través da ordenación forestal, a xestión sostible e a certificación forestal, estase a avanzar nun modelo que combina produción de madeira, conservación da biodiversidade, protección do solo e capacidade de absorción de carbono.