O Recinto Feiral Internacional de Silleda acolle esta fin de semana as probas de acceso a diversas especialidades de enfermería e de persoal de servizos xerais (PSX) do Sergas

Gómez Caamaño subliña o esforzo da Xunta por consolidar o emprego na sanidade pública con dúas fins de semana de probas para acceder a case 2.500 prazas no Sergas

Aos exames da quenda de mañá de hoxe, pertencentes ás especialidades de enfermería obstetrico-xinecolóxica e de enfermería pediátrica, estaban inscritas 558 persoas e acadaron unha participación do 84,95 %

Esta tarde levaranse a cabo os exames de acceso ás categorías de enfermería familiar e comunitaria e de enfermería do traballo, aos que están convocados 870 aspirantes

Os procesos selectivos continuarán na xornada de mañá coa realización das probas do persoal de servizo xerais, á que están convocadas máis de 7.000 persoas

Durante esta fin de semana, un total de 25 mulleres solicitaron o dereito á lactancia e unha aspirante realizará esta tarde o seu exame desde o centro hospitalario no que se atopa ingresada por embarazo

O próximo 9 de maio, o Servizo Galego de Saúde desenvolverá os exames da categoría de enfermería, na que oferta un total de 1.980 prazas

Silleda (Pontevedra), 25 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o esforzo da Xunta por consolidar o emprego na sanidade pública, celebrando en dúas fins de semana as probas de acceso para a acceder a 2.476 prazas no Servizo Galego de Saúde.

Xunto coa secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, o titular de Sanidade supervisou esta mañá no Recinto Feiral Internacional de Silleda o desenvolvemento das probas de acceso ás especialidades de enfermería obstetrico-xinecolóxica e enfermería pediátrica. Ao longo da fin de semana celebraranse os exames doutras especialidades de enfermería e de  persoal de servizos xerais (PSX).

Segundo precisou Gómez Caamaño, para a realización das probas de enfermería obstétrica-xinecolóxica (matrón/a) estaban inscritas un total de 348 persoas, acudindo ao exame 293 aspirantes (participación 84,20%). O departamento sanitario da Xunta oferta 69 prazas nesta especialidade.

No que atinxe ás probas da fase de oposición da categoría de enfermería pediátrica, acudiron á realización do exame 181 dos 210 opositores admitidos (86,19 % de participación). Neste caso, o departamento sanitario público galego oferta un total de 60 prazas.

No seu conxunto, a quenda da mañá do sábado rexistrou unha participación do 84,95 %, ao realizar os exames de ambas as categorías 474 das 558 persoas convocadas.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal do Servizo Galego de Saúde, as Forzas e Corpos de Seguridade, Protección Civil, a Autopista Central de Galicia (ACEGA), 061, Cruz Vermella e o persoal da Fundación Semana Verde de Galicia, que posibilitaron que as probas transcorreran, unha vez máis, con total normalidade.

Gómez Caamaño destacou que son preto de 400 as persoas implicadas nos labores de protección e vixilancia destas probas, lembrando o protocolo de vixilancia e antifraude co que conta o Servizo Galego de Saúde e que permite garantir a seguridade e a igualdade na realización dos exercicios.

Nesta liña, apuntou que nos procesos selectivos desta fin de semana, un total de 25 mulleres solicitaron o dereito á lactancia para poder interromper a realización da proba, no caso de ser preciso. Ademais, unha aspirante realizará esta tarde o seu exame desde o centro hospitalario no que se atopa ingresada por embarazo.

“O compromiso coa estabilidade dos profesionais da sanidade pública require dun grande esforzo económico, de xestión e de loxística” salientou o conselleiro, remarcando que, durante dúas fins de semana desta primavera se desenvolverán as probas para a acceder a preto de 2.500 prazas do Servizo Galego de Saúde.

Continúan os exames na quenda de tarde

O proceso selectivo para acceder ás prazas convocadas polo Servizo Galego de Saúde continuará esta tarde, cunha quenda vespertina á que están chamados un total de 870 opositores.

Desde as 16,00 horas terán lugar os exames para acceder a unha das 128 prazas que o Sergas convoca na categoría de enfermería familiar e comunitaria (838 admitidos) e para as 3 ofertadas na categoría de enfermería do traballo (32 admitidos).

Máis de 7.000 aspirantes convocados para o domingo

Durante a xornada de mañá domingo, e en quenda de tarde, desenvolveranse os exames para acceder ás 236 prazas ofertadas na categoría de Persoal de Servizos Xerais (PSX).

Un total de 7.056 aspirantes están chamados á realización dunhas probas das que, 10 prazas, estarán reservadas á quenda de discapacidade intelectual.

Ademais, o vindeiro 9 de maio o Recinto Feiral Internacional de Silleda acollerá a realización das probas para o acceso a categoría profesional de enfermería no sistema sanitario público galego. Un proceso no que están admitidos 8.661 persoas para acceder a 1.980 prazas.

 

ANEXO: PERSOAS ADMITIDAS POR CATEGORÍA E PRAZAS OFERTADAS

CATEGORÍA

Admitidos

Total prazas

Enfermería obstétrico-xinecolóxica

 

348

 

 

69

 

 

Enfermería pediátrica

 

210

60

Enfermería familiar e comunitaria

838

 

128

 

 

Enfermería do traballo

 

32

3

 

Persoal de servizos xerais

 

6.952

 

226

 

 

Persoal de servizos xerais: quenda de discapacidade intelectual

 

104

10

Enfermeiro/a

8.661

 

1.980

 

 

Total

 

17.145

 

 

2.476

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2026