O Recinto Feiral Internacional de Silleda acolleu esta fin de semana as probas de acceso a diversas especialidades de enfermería e de persoal de servizos xerais (PSX) do Sergas
As probas da fase de oposición do Servizo Galego de Saúde acadan o 73,16 % de participación na categoría de persoal de servizos xerais
Das 6.952 persoas convocadas na quenda xeral, na que se ofertan a 226 prazas, acudiu o 73,33 % esta tarde
Na quenda reservada á discapacidade intelectual presentouse o 61,53 % das 104 persoas inscritas e que optan a 10 prazas
O acceso de 5.100 persoas, previa identificación, completouse en menos de 45 minutos
O 9 de maio, o Servizo Galego de Saúde desenvolverá os exames da categoría de enfermería, na que oferta 1.980 prazas
Silleda (Pontevedra), 25 de abril de 2026
As probas da fase de oposición que se celebran esta tarde no Recinto Feiral Internacional de Silleda para o acceso á categoría de persoal de servizo xerais (PSX) acadaron unha porcentaxe de participación do 73,16 %.
En particular, a participación foi do 73,33 % na quenda xeral. Das 6.952 persoas convocadas para optar a 226 prazas, acudiron 5.099.
Na quenda reservada a persoas con discapacidade intelectual, presentáronse 64 persoas das 104 inscritas, que optan a 10 prazas. Isto representa un 61,53 % de participación.
O acceso ao recinto realízase de forma áxil grazas ao sistema de identificación con código QR, no cal se recolle nome e apelidos, porta de acceso e posto no que realizará o exame.
No caso da quenda de discapacidade intelectual, a entrada realizouse en menos de 25 minutos. Nas 40 portas dos dous pavillóns habilitados para a quenda xeral, a entrada finalizou en menos de 45 minutos.
Ademais de mulleres que tiñan solicitada a posibilidade de lactación durante o exame, tamén se habilitaron outras adaptacións como exames en tamaño A3 para persoas con problemas visuais ou maior tempo para quen acredita unha discapacidade que o fai preciso. Tamén se dispoñen cadeiras adaptadas a persoas que advirten problemas cervicais ou lumbares.
Como novidade, os aspirantes que realizaron esta fin de semana os exames da fase de oposición de cada proceso poderán presentar alegacións ás preguntas a través de internet. Na plataforma de expediente persoal electrónico FIDES, habilitaranse a opción de alegar durante 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación das repostas, que se realizará este luns 27 de abril.
Preto de 2.000 prazas de enfermería
O vindeiro 9 de maio o Recinto Feiral Internacional de Silleda acollerá a realización das probas para o acceso a categoría profesional de enfermería no sistema sanitario público galego. Un proceso no que están admitidas 8.661 persoas para acceder a 1.980 prazas.
Esta fin de semana o Servizo Galego de Saúde oferta 496 prazas, sumando os exames deste sábado para as categorías de enfermeiro especialista en enfermería obstetricia-xinecoloxía (matrón/a); enfermería pediátrica; enfermería familiar e comunitaria; e de enfermeiro/a especialista en enfermería do traballo.
A Xunta agradece o traballo desenvolvido polo persoal do Servizo Galego de Saúde, as Forzas e Corpos de Seguridade, Protección Civil, a Autopista Central de Galicia (ACEGA), 061, Cruz Vermella e o persoal da Fundación Semana Verde de Galicia, que posibilitaron que as probas transcorreran, unha vez máis, con total normalidade.
En total, esta fin de semana son preto de 400 as persoas implicadas nos labores de organización, protección e vixilancia das probas. Na xornada de hoxe hai que engadir a persoal da federación de asociacións FADEMGA Plena inclusión Galicia, que colaboran nas indicacións a aspirantes con discapacidade intelectual.
O Goberno galego mantén a súa aposta pola estabilización dos profesionais do Servizo Galego de Saúde desenvolvendo, durante dúas fins de semana desta primavera, as probas para a acceder a 2.476 prazas do sistema sanitario público galego.
ANEXO: PERSOAS ADMITIDAS POR CATEGORÍA E PRAZAS OFERTADAS
|
CATEGORÍA |
Admitidos |
Total prazas |
|
Enfermería obstétrico-xinecolóxica |
348 |
69
|
|
Enfermería pediátrica
|
210 |
60 |
|
Enfermería familiar e comunitaria |
838 |
128
|
|
Enfermería do traballo
|
32 |
3 |
|
Persoal de servizos xerais |
6.952 |
226
|
|
Persoal de servizos xerais: quenda de discapacidade intelectual
|
104 |
10 |
|
Enfermeiro/a |
8.661 |
1.980
|
|
Total |
17.145 |
2.476
|