A Xunta mellora a rede de auga sanitaria e o sistema de protección contra incendios do IES Johan Carballeira de Bueu
Os traballos contaron cun orzamento de máis de 47.000 euros
Pontevedra, 21 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o IES Johan Carballeira, no concello de Bueu, para comprobar o resultado das obras de adaptación da instalación de auga sanitaria e do sistema de protección contra incendios do centro educativo.
Esta actuación ten como obxectivo renovar rede xeral de abastecemento, incorporando equipos, sistemas e compoñentes axeitados ás necesidades actuais. A intervención permitiu mellorar de xeito significativo tanto a seguridade industrial como as condicións de saúde e benestar da comunidade educativa.
Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora continua das infraestruturas educativas, garantindo espazos máis seguros, eficientes e adaptados ás esixencias actuais”.
Os traballos inclúen a instalación de contadores independentes e a renovación integral da rede, cun dimensionamento axeitado que permita optimizar o funcionamento do sistema e asegurar unha prestación adecuada do servizo.
Esta actuación contou cun investimento superior aos 47.000 euros.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).