A Xunta promove as vocacións tecnolóxicas femininas entre o alumnado da ESO
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe a V edición da xornada Somos Cibernéticas, que foi inaugurada pola directora xerente de Retegal
O obxectivo é fomentar o aumento do talento feminino no ámbito da ciberseguridade e mostrar as opcións profesionais do sector
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
Máis de medio centenar de estudantes da ESO do IES Lamas de Abade de Santiago participaron hoxe na V edición da xornada Somos Cibernéticas, que organiza anualmente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, co obxectivo de fomentar o aumento de vocacións femininas nas carreiras relacionadas coas tecnoloxías.
A sesión foi inaugurada por Pili Chapela, directora xerente de Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, sociedade pública da Xunta encargada de xestionar e manter as infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade. Chapela lembrou que soamente unha de cada catro persoas que estudan carreiras tecnolóxicas é muller e animou ás alumnas asistentes a contribuír a reverter esta situación.
Somos Cibernéticas ten como obxectivo principal fomentar o aumento do talento feminino no ámbito da ciberseguridade, explorar as diferentes opcións profesionais neste sector e reducir a fenda dixital de xénero nas carreiras científicas e tecnolóxicas. A actividade está dirixida principalmente a alumnado do 4º curso da ESO.
Durante a xornada desenvolveuse unha mesa redonda na que tres mulleres con cargos de responsabilidade relacionados coa ciberseguridade compartiron a súa experiencia. Ao final da mañá, desenvolveuse unha escape room, na que equipos de entre 5 e 7 participantes resolveron retos colaborativos nunha misión de ciberdefensa.