O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, interveu na inauguración da IX Xornada de encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

Gomez Caamaño subliña o potencial científico do Instituto de Investigación Galicia-Sur na procura de solucións sanitarias baseadas na intelixencia artificial e centradas no paciente

Para o titular de Sanidade este instituto representa o modelo que o Executivo galego quere para Galicia: unha investigación conectada coa realidade asistencial, multidisciplinar, aberta á colaboración e orientada á transferencia real de resultados

Remarca que a Xunta vai seguir comprometéndose no crecemento do instituto, así como na potenciación da súa proxección

Pon en valor que o Executivo galego foi pioneiro en integrar no sector público autonómico os tres institutos de investigación sanitaria da comunidade

Subliña que neste ano o investimento da Xunta en investigación experimentou un crecemento de máis do 30 %, ata acadar os 31 millóns, que se eleva a máis de 80 millóns co orzamento das tres fundacións públicas de investigación biomédica

Pontevedra, 29 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o gran potencial que ten o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para procurar e atopar solucións sanitarias que empreguen racionalmente a intelixencia artificial en beneficio dos pacientes.

O titular da carteira sanitaria, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, interveu na inauguración da IX Xornada de encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, na que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda.

Segundo referiu o conselleiro, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur consolidouse como un auténtico punto de conexión entre o sistema sanitario público, a Universidade de Vigo e os profesionais da investigación.

Para Gómez Caamaño, o instituto representa moi ben o modelo que o Executivo galego quere para Galicia: unha investigación conectada coa realidade asistencial, multidisciplinar, aberta á colaboración e orientada á transferencia real de resultados.

O titular de Sanidade puxo en valor a dirección que leva a cabo a doutora Eva Poveda, que contribúe a que o instituto desenvolva unha investigación de excelencia.

O máximo responsable do Sergas dixo que a Xunta vai seguir comprometéndose no crecemento do instituto, así como na potenciación da súa proxección, posto que cando a investigación entra nos hospitais, nos centros de saúde e nos servizos sanitarios, gañan os profesionais, os pacientes e toda a sociedade.

Reforzo da estabilidade

Na súa intervención no acto, o conselleiro incidiu en que a Xunta foi pioneira en integrar no sector público autonómico os tres institutos de investigación sanitaria da comunidade acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III. Este paso decisivo permitiu reforzar a estabilidade, mellorar as condicións laborais de centos de profesionais e consolidar unha rede galega de investigación sanitaria máis sólida e competitiva.

O conselleiro incidiu en que Galicia foi a única comunidade que apostou pola creación dunha categoría profesional específica para o persoal investigador sanitario, recoñecendo o seu papel esencial dentro do sistema público de saúde.

En materia orzamentaria, Gómez Caamaño subliñou que no presente ano o investimento da Xunta en investigación experimentou un crecemento de máis do 30 % ata acadar os 31 millóns de euros. Esta cifra elévase ata superar os 80 millóns de euros ao incluír os orzamentos das tres fundacións públicas de investigación biomédica.

Para rematar a súa intervención, o titular de Sanidade dixo que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur está chamado a seguir desenvolvendo un papel protagonista pola súa capacidade científica e a súa conexión coa práctica clínica, ademais de pola súa vontade constante de innovar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026