A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto para construír unha nova depuradora en Soutomaior
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
A futura infraestrutura hidráulica foi deseñada para dar servizo a unha poboación estimada de 11.829 habitantes e paliar as deficiencias existentes no sistema actual
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a execución dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no concello de Soutomaior (Pontevedra) deseñada para dar servizo a unha poboación estimada dun 11.829 habitantes equivalentes, incluíndo a poboación actual e as necesidades a futuro.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada deste proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor —neste caso Augas de Galicia que actúa, ademais, como órgano substantivo— foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 15 organismos públicos e entidades.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións nos seus respectivos informes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, os órganos consultados conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, da poboación e da saúde; da auga e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; da xestión de residuos e do patrimonio natural, entre outros.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade a través de anuncio no DOG e da páxina web da Consellería.
En canto ao obxectivo das actuacións previstas no proxecto, cómpre indicar que consisten na mellora do sistema de depuración existente no termo municipal de Soutomaior mediante a construción dunha nova EDAR e as súas instalacións asociadas para solucionar as deficiencias que presenta o actual sistema de depuración e adecualas á nova Directiva comunitaria en materia de augas residuais.
Localizada en varias parcelas da parroquia de Arcade, entre as instalacións asociadas ao sistema de depuración da futura infraestrutura destaca a construción dun tanque de tormentas, unha condución de impulsión desde o referido tanque ata a nova EDAR e un emisario terrestre paralelo á condución de impulsión, así como a demolición da depuradora existente e a construción dun parque solar que alimente de enerxía á futura infraestrutura.