A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acolle unha mostra de retratos de pacientes oncolóxicos
O delegado territorial e a autora presentaron hoxe a exposición, que se poderá ver do 4 ao 30 de maio
Lugo, 29 de abril de 2026
A Xunta de Galicia acollerá na Biblioteca Pública de Lugo a mostra Retratos, que reúne máis dunha vintena de obras de pintura e debuxo da artista lucense Judith Martín Velasco. A exposición foi presentada hoxe na Delegación Territorial nun acto no que participaron o delegado, Javier Arias; a propia autora; e o presidente da Asociación Española contra o Cancro na provincia, José Manuel Rozas, entre outros.
A mostra inaugurarase o vindeiro luns 4 de maio, ás 19,00 horas, e permanecerá no centro ata o día 30. A recompilación dá o protagonismo a pacientes oncolóxicos a través da serie Historia de 9 vidas, composta por nove óleos sobre lenzo centrados en retratos nos que a artista explora a realidade destas persoas desde unha mirada próxima e humana, afastada de calquera narrativa dramatizada e centrada en captar instantes de vida, emocións e expresións.
O conxunto complétase coa serie Almas sabias, tamén dedicada ao retrato, xunto con outras obras como As mans de miña nai e estudos do corpo humano, realizadas en carboncillo e técnicas mixtas.
A exposición ofrece así unha visión ampla do traballo artístico de Judith Martín, formada na Facultade de Belas Artes de Salamanca, arredor do retrato e da figura humana a través de diferentes técnicas e enfoques.