A Xunta convoca a décima edición dos premios Exceleite ás mellores explotacións de vacún de leite de Galicia
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a correspondente orde da Consellería do Medio Rural
A través destes galardóns búscase recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún da nosa comunidade na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como “Exceleite”.
Estes galardóns, que acadan xa a súa décima edición, teñen como obxectivo recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria. Trátase de poñer en valor os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.
Estes premios “Exceleite” distinguen as granxas en tres categorías, en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, isto é, desde agosto de 2025 ao mes de xullo de 2026.
Ademais, as explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das explotacións que se seleccionen para a distinción na categoría de explotacións ecolóxicas, de modo complementario ao anterior, deberán atoparse inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Edición de 2025
En decembro do ano pasado celebrouse o acto de entrega da IX edición destes galardóns, nos que se premiou a excelencia e o bo facer dos profesionais de 20 gandarías en dez categorías diferentes.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260429/AnuncioG0426-220426-0001_gl.html