O presidente da Xunta participou hoxe na entrega do XIV Premio Ramiro Carregal e VII Premio Talento Emerxente

Rueda reivindica o papel de Galicia como referente na loita contra o cancro e garante o apoio da Xunta á investigación para situar a medicina do futuro no centro da sanidade pública

Destaca a traxectoria do doutor Emilio Alba e o potencial da doutora Patricia Altea, galardoados nos premios entregados esta tarde en Santiago

Pon en valor a xenerosidade de Ramiro Carregal por crer na ciencia como a mellor inversión de futuro a través deste certame, que xa é un faro de excelencia científica a nivel estatal e internacional

Subliña que a comunidade galega está á vangarda en materia oncolóxica con proxectos como o Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia, seleccionado pola UE para formar parte da rede de centros de referencia europeos

Lembra que Galicia será a primeira comunidade en tratar pacientes con protonterapia no sistema público a finais deste ano ou principios do próximo

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel de Galicia como un referente na loita contra o cancro e garantiu o compromiso firme do Goberno galego coa investigación para situar a medicina de vangarda no centro da sanidade pública.

Durante a súa intervención na entrega do XIV Premio Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica e do VII Premio Talento Emerxente, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o titular do Executivo galego subliñou que estes galardóns representan o talento, o esforzo e o compromiso de quen dedica a súa vida a mellorar a dos demais a través da saúde e agradeceu o labor da comunidade investigadora.

Nesta edición, o presidente salientou a figura do doutor Emilio Alba, xefe de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Virgen de la Victoria de Málaga, que foi recoñecido co Premio Ramiro Carregal, de quen destacou que representa á perfección o modelo de medicina no que cre a Xunta baseado na unión da asistencia sanitaria, investigación e formación para ofrecer mellores resultados.

Así mesmo, puxo como exemplo de talento e ambición científica á doutora Patricia Altea, Premio Talento Emerxente, que con 36 anos simboliza o potencial das novas xeracións de investigadoras logo de ter construído unha carreira sólida na investigación do cancro de mama metastásico.

Rueda aproveitou a cita para agradecer persoalmente a xenerosidade de Ramiro Carregal, plasmada na súa fundación a través destes premios, e por crer que a ciencia é a mellor inversión de futuro. Así, destacou que estes galardóns transcenderon fronteiras ata situar a Galicia e a España no epicentro da investigación médica e o mecenado de vangarda.

Galicia á vangarda contra o cancro

O titular do Goberno galego puxo en valor a folla de ruta da comunidade na loita contra o cancro e lembrou que o proxecto do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia, presentado pola Xunta esta mesma mañá, foi seleccionado pola Unión Europea para formar parte da rede de centros de referencia europeos, un fito que agarda consolidarse en 2028.

Ademais, destacou ferramentas como o Rexistro Galego de Tumores, que xa emprega a Intelixencia Artificial para avaliar a efectividade dos programas, ou a aposta pola oncoloxía de precisión a través do Comité Molecular. No eido da prevención, Rueda recordou que Galicia é referente en programas de cribado —ampliando o de cérvix a mulleres de entre 25 e 30 anos e avanzando nos de pulmón e próstata— e en proxectos transformadores como MamoRisk, un proxecto de investigación sobre un plan pioneiro de cribado de cancro de mama baseado na personalización do risco.

Finalmente, o presidente destacou que Galicia conta xa con tres hospitais na rede de terapias CAR-T (Santiago, A Coruña e Vigo) e que o obxectivo é producir fármacos propios este mesmo ano no Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas. Como fito inminente, avanzou que a finais deste ano ou principios do próximo, Galicia será a primeira comunidade en tratar pacientes coa técnica de protonterapia nun centro propio dentro do sistema público, o Centro de Protonterapia de Galicia.

Data de actualización: 30/04/2026