A Xunta felicita ao Colexio Ramón Cabanillas por fomentar a ciencia entre o alumnado con distintas actividades no marco das súas III Xornadas Científicas
O conselleiro de Educación participa no evento impulsado por este centro compostelán que abrangue experimentos, obradoiros e exposicións, entre outros
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicita ao Colexio Ramón Cabanillas no seu labor de impulso da ciencia e a innovación educativa entre o seu estudantado a través de propostas “motivadoras e colaborativas” como as III Xornadas Científicas que organiza este centro compostelán.
O titular de Educación do Goberno galego expresou que iniciativas coma esta “van na liña da aposta decidida” da Consellería polo fomento das competencias e das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través de programas educativos específicos como os Polos Creativos, Club de Ciencia ou o STEMBach, cos que se busca a aprendizaxe científica a través de experimentos e de crear e resolver problemas reais.
Precisamente, estas III Xornadas Científicas do CEIP Ramón Cabanillas teñen por obxectivo achegar aos alumnos a ciencia dun xeito práctico e lúdico a través de obradoiros, experimentos de física, química e electricidade, exposicións de animais vertebrados e invertebrados e stands mecánicos onde son os propios estudantes de 5º e 6º de Primaria os que realizan e explican os procesos aos seus compañeiros.