O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a decana desta entidade, María Rosa Álvarez, asinan un convenio para esta colaboración

A Oficina de Apoio ao Profesorado da Xunta contará coa atención de psicólogos do Colexio Oficial de Galicia

A Consellería de Educación está a ultimar os detalles deste novo servizo, que se creará por lei e funcionará o vindeiro curso

A iniciativa forma parte do paquete de medidas que o Goberno galego está a impulsar para reforzar o prestixio da docencia e protexer o benestar dos profesores

Neste marco trabállase tamén na posta en marcha de sancións contra as condutas que atenten contra a dignidade e a autoridade do profesorado

Ao abeiro do acordo tamén se ofrecerá asesoramento na atención educativa ao alumnado que se atope en situación de vulnerabilidade socioeducativa

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

Os profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia prestarán atención aos docentes que sexan atendidos pola futura Oficina de Apoio ao Profesorado da Xunta. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a decana desta entidade, María Rosa Álvarez, asinaron hoxe un convenio para materializar esta colaboración, que vén reforzar o novo servizo que o Goberno galego porá en marcha xa o vindeiro curso.

O obxectivo principal do acordo é que os psicólogos poidan asesorar, informar, amparar e protexer aos docentes que recorran á Oficina de Apoio ao Profesorado por dificultades xurdidas no exercicio da súa profesión. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asistiu á sinatura do convenio, ao abeiro do que tamén se impulsará a formación docente no autocoidado e a prevención do estrés profesional.

A Consellería de Educación está a ultimar os detalles deste servizo, cuxa creación se fará por lei, co fin de darlle o maior rango normativo. A Oficina de Apoio ao Profesorado enmárcase no paquete de medidas que a Xunta está a impulsar para reforzar o prestixio da docencia e protexer o benestar destes profesionais.

Ademais do reforzo da súa autoridade como garante da convivencia e da creación desta oficina, o Goberno galego está a traballar na posta en marcha de sancións contra as condutas que atenten contra a dignidade e autoridade do persoal docente, sempre e cando non se poidan resolver os conflitos por medio do diálogo.

Atención ao alumnado

No marco deste mesmo convenio, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia colaborará tamén no asesoramento para a atención educativa ao alumnado que se atope en situación de vulnerabilidade socioeducativa por condicións persoais (malestar psicolóxico ou emocional) ou de historia escolar nos centros sostidos con fondos públicos. Neste sentido, os psicólogos poderán proporcionar a información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros requira en relación co tratamento destes alumnos. A solicitude realizarase ben a petición do propio centro, ben a través dos servizos centrais da Consellería.

A maiores, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia prestará a súa colaboración na sensibilización e difusión de materiais e documentos en prol dun maior coñecemento da importancia da saúde mental no ámbito educativo, así como dos factores de risco e protección asociados ao desenvolvemento psicolóxico do alumnado.

Ao mesmo tempo promoverase a formación do profesorado en cuestións como a promoción da saúde mental no ámbito educativo, a detección precoz e a prevención de problemas psicolóxicos e emocionais entre os escolares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026