O conselleiro de Sanidade respondeu esta mañá a unha interpelación no Pleno do Parlamento

Gómez Caamaño avanza que a reforma da atención primaria sacará burocracia das consultas dos médicos de familia e aumentará o tempo e a calidade da atención aos pacientes

Destaca que desde o 2019 a Xunta creou máis de 1.000 novas prazas en atención primaria e os orzamentos deste ano contemplan outras 163 adicionais

Subliña que Galicia forma 207 médicos de familia anuais e que neste ano a Xunta dedica á atención primaria o maior orzamento da historia da sanidade pública galega, con 1.747 millóns de euros

Desde 2009, o Goberno galego reformou ou construíu un total de 138 centros de saúde, cun investimento que supera os 162 millóns de euros

Salienta que a Xunta presentará neste primeiro semestre do ano a reforma da atención primaria, que inclúe a creación dunha nova dirección xeral que dará a este nivel asistencial o peso que merece

Tamén se creará unha unidade técnico administrativa integrada no centro de apoio á atención primaria, con 50 profesionais, para liberar de traballo administrativo aos médicos de familia

O titular de Sanidade sinala a falta de médicos como principal problema da atención primaria, que só pode resolver o Goberno central ampliando a capacidade formativa e permitindo que os médicos prolonguen a súa vida laboral

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Pleno do Parlamento que a reforma da atención primaria sacará burocracia das consultas dos médicos de familia e aumentará o tempo e a calidade da atención sanitaria aos pacientes.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular de Sanidade subliñou que desde o 2019 a Xunta creou máis de 1.000 novas prazas en atención primaria e os orzamentos deste ano contemplan outras 163 adicionais.

Incidiu, ademais, en que na actualidade Galicia forma 207 médicos de familia anuais e que neste ano a Xunta dedica á atención primaria o maior orzamento da historia da sanidade pública galega, con 1.747 millóns de euros, o que supón un 4,75 % máis que no ano 2025.

O conselleiro explicou que desde 2009 a Xunta reformou ou construíu un total de 138 centros de saúde, cun investimento que supera os 162 millóns de euros. Tamén destacou o investimento de máis de 90 millóns de euros en equipamento e tecnoloxía para o primeiro nivel asistencial.

Falta de médicos e proposta de reforma estrutural

Antonio Gómez Caamaño referiuse ao extraordinario déficit de médicos como principal problema da atención primaria na actualidade no conxunto do Estado, algo que só pode resolver o Goberno central ampliando a capacidade formativa e permitindo que os médicos que poidan e queiran prolonguen a súa vida laboral.

A Xunta leva anos esixindo esas solucións ao Ministerio de Sanidade mentres o Executivo galego, no ámbito das súas competencias, fai o que está nas súas mans investindo, contratando, reformando e negociando.

Tamén apuntou á responsabilidade do Goberno central sobre os máis de 200.000 actos médicos suspendidos en Galicia polas folgas contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade, paros que o Goberno español non é quen de frear achegando solucións que recollan as peculiaridades da profesión médica.

Na súa intervención o conselleiro de Sanidade remarcou que a Xunta presentará, neste primeiro semestre do ano, a reforma da atención primaria na que está a traballar e  que incluirá a creación dunha nova dirección xeral que dará a este nivel asistencial o peso orgánico que merece dentro do Servizo Galego de Saúde.

Tamén se reforzará o papel das direccións de atención primaria nas sete áreas sanitarias e potenciarase a figura do xefe de servizo de atención primaria.

Ademais, tal e como avanzou onte o presidente da Xunta, crearase unha unidade técnico administrativa integrada no centro de apoio á atención primaria, con 50 profesionais cualificados que asumirán a tramitación de receitas, peticións de prestacións, elaboración de informes ou xestión de transporte sanitario non urxente. O obxectivo desta medida é liberar aos médicos dunha carga burocrática que representa entre o 30 e o 40 % da súa actividade actual, para devolverlle ao médico de familia o tempo que debe dedicar aos pacientes.

Tamén puxo en valor o conselleiro os acordos unánimes coas organizacións sindicais co obxectivo de mellorar as condicións dos profesionais da sanidade galega. Entre esas melloras citou a redución da xornada a 35 horas, o incremento das retribucións das gardas, a equiparación da noite do venres como pre-festiva, a limitación das axendas ao entorno de 30 actos asistenciais diarios e a compensación por gardas voluntarias e por traballo en días especiais.

O conselleiro tamén se referiu á recente contratación de 21 psicólogos clínicos para a conformación dunha rede de atención primaria, da que forman parte xa 28 profesionais e co obxectivo de chegar a 50 no ano 2030.

Ademais puxo en valor o incremento das categorías profesionais para ampliar a multidisciplinariedade en primaria. Galicia foi pioneira na creación no ano 2023 da categoría de nutricionista neste nivel asistencial, coas primeiras 45 prazas estables convocadas en 2025.

Ademais, no ano 2022 creáronse os equipos de soporte de atención domiciliaria, con 35 equipos multidisciplinares que realizan seguimento a pacientes crónicos no rural. Así pois, dixo o conselleiro, o modelo multidisciplinar en primaria constrúese día a día e con propostas que funcionan.

Antonio Gómez Caamaño incidiu en que os resultados da boa xestión da Xunta reflíctense, por exemplo, en que Galicia é a terceira comunidade con mellores tempos de espera cirúrxica e a cuarta con mellores tempos de primeira consulta co especialista.

Ademais lembrou que case que o 98 % dos MIR que rematan en Galicia deciden quedar na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026