O conselleiro de Sanidade respondeu a unha pregunta sobre a atención primaria no municipio no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta por ofrecer a mellor atención sanitaria aos veciños do Porriño coa creación dunha nova praza de médico que reforza as urxencias no PAC
A nova praza mellorará a atención das urxencias pola tarde de luns a sábado e a cobertura de oito da mañá a dez da noite os domingos
Gómez Caamaño agarda que, nas vindeiras semanas, o Sergas poida ocupar de xeito estable esa nova praza cun dos médicos residentes que están a finalizar a súa formación
Subliña que o centro de saúde do Porriño conta coa práctica totalidade do seu cadro de persoal cuberto, con cinco médicos en quenda de mañá e seis profesionais deslizantes, todos en activo
Incide na falta de médicos de familia, problema que afecta a toda España e ao que o Ministerio de Sanidade debe poñer solucións
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Parlamento a aposta da Xunta por ofrecer a mellor atención sanitaria aos veciños do Porriño, coa creación dunha nova praza de médico que reforza as urxencias no Punto de Atención Continuada.
O titular da carteira sanitaria detallou que a nova praza mellorará a atención das urxencias pola tarde de luns a sábado e a cobertura de oito da mañá a dez da noite os domingos.
Gómez Caamaño agarda que, nas vindeiras semanas, o Sergas poida ocupar de xeito estable esa nova praza cun dos médicos residentes que están a finalizar a súa formación sanitaria especializada na área de Vigo.
O obxectivo do departamento sanitario galego é ter un equipo completo todos os días da semana, incrementando a presenza de médicos para atender as urxencias, como xa se estaba a facer, pero convertendo ese reforzo en estrutural.
Na actualidade, o centro de saúde do Porriño, que atende a unha poboación de máis de 21.000 persoas que chegan ás 43.000 no PAC, conta coa práctica totalidade do seu cadro de persoal cuberto, con cinco médicos en quenda de mañá e seis profesionais deslizantes, todos en activo.
Mantense unha única praza de tarde vacante, pero esa praza é cuberta de maneira practicamente continuada mediante prolongacións de xornada de luns a mércores e cobertura específica os xoves e venres.
O conselleiro explicou que as ausencias puntuais derivadas dos concursos de traslados se cubriron mediante medidas organizativas que garantiron a asistencia.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Gómez Caamaño incidiu na falta de médicos de familia, problema que afecta a toda España, e que é competencia do Ministerio de Sanidade a toma de decisións eficaces para solucionalo. Neste sentido, durante anos o Goberno central autorizou moitas menos prazas MIR das que Galicia precisaba.
Xunto ao anterior, o Ministerio estableceu un sistema de elección telemático de prazas para os MIR, que provocou milleiros de prazas desertas.
Ao respecto deste tema, o titular de Sanidade detallou que Galicia forma na actualidade, con investimento da Xunta, 207 médicos de familia ao ano, máis do dobre dos 88 que formaba o Goberno bipartito. Así mesmo, desde 2019, a Xunta creou máis de 1.000 prazas en atención primaria e, este ano, suma outras 163 prazas novas.
Compromiso coa veciñanza
Gómez Caamaño puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade pública do Porriño. Como mostras diso citou o investimento de seis millóns de euros na ampliación e reforma do centro de saúde, cun importante incremento das prestacións sanitarias.
Así mesmo, referiu o proxecto piloto posto en marcha que permite administrar tratamentos oncohematolóxicos no centro de saúde evitando aos pacientes os desprazamentos ao hospital.
Para concluír a súa intervención, reiterou ao Ministerio que flexibilice os criterios de acreditación de prazas MIR, e que escoite aos médicos na reforma do Estatuto Marco, que é o gran problema actual da sanidade.