María José Gómez pon en valor o operativo de rescate das vacas que se precipitaron por un barranco no concello de Taboada

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe a gandaría Cadahías de San Julián e trasladou o seu apoio aos gandeiros, que “viviron momentos complexos”

Por parte do Goberno autonómico, coordinouse a participación deste helicóptero e colaborouse con varios efectivos, dependentes tanto da Consellería do Medio Rural, con persoal do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) e veterinarios; como da de Presidencia, Xustiza e Deportes, como a Axega ou a UPA

Tamén se coordinou a participación dun helicóptero do 112 de Asturias, en virtude dos protocolos de colaboración existentes con dita comunidade limítrofe para cooperar nas tarefas relativas ás emerxencias

Taboada (Lugo), 6 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou no día de hoxe a gandaría Cadahías de San Julián, á que pertencen ás xovencas que a semana pasada se precipitaron por un barranco da beira do Miño. Alí, a conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, trasladou o seu apoio aos gandeiros desta granxa que “viviron momentos complexos”, e puxo en valor o operativo de rescate, no que cooperaron medios locais e autonómicos.

Por parte do Goberno autonómico, colaborouse no operativo con varios efectivos, dependentes tanto da Consellería do Medio Rural como da de Presidencia, Xustiza e Deportes (como a Axega ou a UPA). Neste sentido, María José Gómez fixo referencia ao persoal do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF); así como aos servizos veterinarios, que tamén participaron no rescate. Así mesmo, tamén se coordinou a participación dun helicóptero do 112 de Asturias, en virtude dos protocolos de colaboración existentes con dita comunidade limítrofe para cooperar nas tarefas relativas ás emerxencias. Neste sentido, Gómez destacou que o éxito deste tipo de operacións poñen de relevo a importancia do traballo conxunto entre Administracións. 

A conselleira salientou tamén o importante labor que desempeñan as explotacións agrarias e gandeiras, na medida en que representan “territorio traballado e actividade no territorio” que contribúen a soster. Asemade, puxo en valor o esforzo de todos os medios e persoal mobilizados nun rescate “que parecía imposible, nunha zona complicadísima” e celebrou que agás unha, as demais reses foran rescatadas en boas condicións.

Seguindo esta liña, agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas neste operativo e desexou unha evolución positiva do estado de saúde dos animais rescatados. Xa para finalizar, reafirmou o compromiso do Executivo galego a prol do sector primario. Un apoio que se manifesta a través de achegas ordinarias, como a liña convocada anualmente para favorecer a remuda xeracional; a posta a disposición do sector de créditos favorables a través do Instrumento Financeiro ou co apoio directo aos gandeiros en situacións extraordinarias como a vivida pola gandaría Cadahías de San Julián.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026