A Xunta destaca o papel de Galicia como destino estable e competitivo para a industria do futuro
A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no encontro de rexións Advanced Factories 2026 onde comparte mesa con responsables de industria doutras comunidades autónomas neste foro estatal de referencia
No evento, Galicia foi recoñecida, xunto a outros territorios industriais, polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada
L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), 06 de maio de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro de rexións Advanced Factories 2026, unha das principais citas europeas sobre industria avanzada que se está a celebrar estes días na localidade barcelonesa de L´Hospitalet de Llobregat. No marco deste foro, interveu na mesa Rexións industriais en transformación: evolución e competitividade, xunto a responsables doutras comunidades autónomas.
A directora do Igape destacou a solidez da base industrial galega, cun ecosistema innovador en expansión e forte capacidade exportadora. Neste contexto, subliñou o papel das políticas públicas no acompañamento ás empresas e na mellora da súa competitividade, así como a importancia de facilitar o acceso ao financiamento e impulsar a internacionalización.
Así mesmo, Galicia preséntase como un destino fiable para o investimento industrial, grazas á estabilidade institucional, a seguridade xurídica e a colaboración público-privada, factores clave para atraer e consolidar proxectos empresariais a longo prazo.
No marco do encontro, Galicia foi recoñecida, xunto a outros territorios industriais, polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada. Finalmente, Toca subliñou como prioridade “industrializar a innovación” para trasladar os avances tecnolóxicos ao conxunto do tecido empresarial, especialmente ás pemes.