O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, respondeu esta mañá no Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre a atención sanitaria no municipio
A Xunta prevé licitar este verán a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde de Teo, que mellorará a capacidade asistencial e os servizos aos veciños
O director xeral de Asistencia Sanitaria destaca os 4,3 millóns que a Xunta investirá na nova infraestrutura, que permitirá ampliar a carteira de servizos sanitarios
Apunta que o centro de saúde dos Tilos manterase operativo para garantir a proximidade e a accesibilidade da poboación
Salienta que, malia o contexto actual de escaseza de médicos, o concello de Teo non conta con ningún cupo médico sen cobertura
Reclama do Goberno de España medidas eficaces para paliar o déficit de profesionais en determinadas especialidades que existe en todo o Estado
Insta ao Executivo central a poñer fin ás folgas médicas contra o Estatuto Marco a través do recoñecemento dun marco de regulación específico e unha mesa de negociación vinculante no que se teñan en conta as peculiaridades dos facultativos
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que a Xunta prevé licitar este verán a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde de Teo, que mellorará a capacidade asistencial e os servizos que se lle prestan aos veciños.
Durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, o responsable autonómico informou da situación dos catro centros de atención primaria cos que conta este municipio, Pontevea, Cacheiras, Calo e Os Tilos, subliñando que a atención sanitaria está garantida.
A este respecto, e en resposta a unha pregunta sobre a atención que se está a prestar en Pontevea, o director xeral remarcou que os módulos que acollen agora mesmo a asistencia son unha solución provisional adoptada ante a situación que presenta o centro de saúde.
“A prioridade da Xunta é garantir a protección dos pacientes e dos profesionais. Por iso se habilitou unha solución provisional segura, funcional e axeitada”, incidiu o director xeral, ao tempo que lamentou que os gobernos municipais anteriores non adoptaran medidas ante o estado da infraestrutura sanitaria, de titularidade da administración local. Segundo apuntou, o actual executivo local de Teo licitou unha actuación para solucionar os problemas do consultorio de Pontevea.
Con todo, Alfredo Silva incidiu en que as instalacións provisionais dispostas polo Sergas contan con climatización por aerotermia e cumpren estritamente coa normativa de prevención de riscos.
No que respecta ao centro de saúde dos Tilos, o responsable autonómico aproveitou a súa intervención no Parlamento galego para trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza deste núcleo, confirmando que se manterá operativo tras a posta en marcha do novo centro que se está a impulsar desde a Xunta, para garantir a proximidade e a accesibilidade da súa poboación.
Licitación do novo centro de saúde da Ramallosa
O director xeral de Asistencia Sanitaria tamén confirmou que o proxecto para o novo centro de saúde da Ramallosa segue avanzando conforme ao previsto polo Executivo galego.
Así, e tras a formalización da cesión dos terreos en maio de 2025 e a recente aprobación municipal do Plan Especial de Infraestruturas en abril de 2026, a Consellería de Sanidade traballa xa nos pregos para licitar a redacción do proxecto construtivo este mesmo verán.
Cun investimento estimado de 4,3 millóns de euros, esta nova infraestrutura permitirá integrar a actividade dos centros de saúde de Pontevea e de Cacheiras nun espazo moderno e accesible.
Así mesmo, o novo inmoble posibilitará ampliar a carteira de servizos sanitarios do concello pois contará con áreas de odontoloxía, hixiene dental, farmacia de atención primaria, traballo social e melloras substanciais en pediatría e atención á muller.
Xestión de persoal e déficit de médicos estatal
Alfredo Silva subliñou que, malia o contexto xeral de escaseza de médicos que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde, no concello de Teo non hai ningún cupo sen cobertura.
O equipo do servizo de atención primaria de Teo está formado por 8 médicos de familia, 2 pediatras e 9 profesionais de enfermería, ademais do persoal de apoio. A única praza vacante existente, informou Silva, é na quenda de tarde no centro de saúde de Cacheiras e estase a cubrir mediante prolongacións de xornada. Segundo apuntou, esta praza ofertarase de xeito estable aos residentes que rematarán a súa formación en breve.
No peche da súa intervención, o representante da Xunta fixo un chamamento á responsabilidade e instou ao Goberno de España a adoptar medidas eficaces para paliar o déficit de profesionais en determinadas especialidades que existe en todo o Estado e a poñer fin ás folgas médicas contra o Estatuto Marco, a través do recoñecemento dun marco de regulación específico, conforme á normativa europea que inclúa unha mesa de negociación vinculante para o colectivo médico, no que se teñan en conta as peculiaridades do seu traballo.