A delegada de Xunta visitou hoxe o concello para comprobar a actuación no viario de Campolongo
Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 72.000€ para a mellora de dous camiños municipais en Negreira ao abeiro do Plan Camiña
A delegada da Xunta informou que a orde financia actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación
A representante do Goberno autonómico salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural”
Negreira (A Coruña), 7 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá a actuación de mellora executada no concello de Negreira nun dos dous camiños municipais da localidade grazas ao apoio económico do Plan Camiña 2025-2026, impulsado polo Goberno galego para reforzar as infraestruturas viarias no rural e mellorar a accesibilidade e a seguridade nas comunicacións locais, concretamente a pista de Campolongo.
A representante do Executivo autonómico destacou que a Xunta concedeu ao Concello unha subvención de máis de 72.000 euros, para a rehabilitación de dous camiños de Babión e Campolongo, dous viarios de uso frecuente polos veciños e fundamentais para a mobilidade diaria e o acceso a explotacións e fincas da zona.
A achega repartiuse en dúas anualidades, cun importe de máis de 35.000 euros no exercicio 2025 e de preto de 37.000 euros no ano 2026, no marco desta liña de axudas coa que a Xunta busca contribuír á conservación e modernización da rede viaria municipal nos concellos galegos.
Durante a visita, a delegada territorial explicou que as actuacións permitiron intervir sobre unha lonxitude total de 1.790 metros e unha superficie de 2.088 metros cadrados, mellorando de maneira notable as condicións de circulación, a durabilidade do firme e a seguridade dos usuarios.
No caso do camiño de Babión, acometeuse a renovación de 1.150 metros lineais de viario, substituíndo o firme existente de triple rega asfáltica por un novo pavimento de aglomerado en quente, unha solución que ofrece maiores prestacións de resistencia, estabilidade e confort na circulación.
Pola súa banda, no camiño de Campolongo executouse a mellora de 640 metros, mediante a renovación da capa de rodaxe tamén para reforzar a funcionalidade e conservación deste acceso municipal.
No conxunto da provincia da Coruña, na convocatoria 2025-2026, un total de 86 concellos recibiron achegas da Consellería de Medio Rural por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros.
Plan Camiña
A delegada territorial puxo en valor a importancia deste tipo de intervencións ao sinalar que “o Plan Camiña permite dar resposta ás necesidades reais dos concellos, especialmente no ámbito rural, onde a conservación dos camiños municipais resulta esencial para garantir a conectividade, facilitar a actividade económica e fixar poboación”. Neste senso, lembrou que a convocatoria do Plan Camiña 2026-2027, que conta cun orzamento de 19 millóns de euros en concorrencia non competitiva, pechou o prazo de solicitudes o pasado 5 de marzo. Na convocatoria deste ano o concello de Negreira ten un importe máximo para actuacións de 70.000€, sendo o 100% subvencionable pendente neste momento de resolución. Este concello presentou un proxecto para actuar nun dos seus caminos municipais
Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa colaborando coas entidades locais “para dotar aos municipios de mellores infraestruturas e servizos, contribuíndo a unha mobilidade máis segura, eficiente e adaptada ás demandas da veciñanza”.
A representante autonómica lembrou que o Plan Camiña forma parte da estratexia do Goberno galego de apoio ao municipalismo e de reforzo das comunicacións interiores, mediante actuacións que redundan directamente na calidade de vida da cidadanía e na competitividade do rural galego.