Así o indicou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, no marco da Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta traballa para aumentar o uso do galego na sanidade pública con medidas a prol da concienciación dos profesionais e da atención na lingua do paciente

O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca o traballo conxunto coa Secretaría Xeral da Lingua para deseñar obxectivos específicos na sanidade pública no novo Plan de Normalización da Lingua Galega

Lembra que o Sergas colabora coa Mesa pola Normalización Lingüística na campaña Falar galego é saudábel

Explica que nas pantallas dos centros sanitarios se está a difundir a campaña Saca a lingua que levas dentro, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Subliña que unha administración sanitaria que aspira “a ser próxima, accesible e de calidade non pode ser allea á realidade lingüística de Galicia”

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, referiuse esta mañá no Parlamento de Galicia ao traballo da Xunta para incrementar o uso do galego na sanidade pública con medidas a prol da concienciación dos profesionais e da prestación dos servizos na lingua de cada paciente.

No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable sanitario apelou, en primeiro lugar, á convicción do Servizo Galego de Saúde de non só promover o uso da lingua galega unicamente porque a normativa o esixa, senón por “entender que unha administración sanitaria que aspira a ser próxima, accesible e de calidade non pode ser allea á realidade lingüística de Galicia”.

José Ramón Parada sinalou que desde hai meses, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde e a Secretaría Xeral da Lingua manteñen un traballo conxunto, coordinado e sistemático, orientado a definir medidas e obxectivos específicos para a sanidade pública no marco do novo Plan de Normalización da Lingua Galega.

Incidiu así no traballo transversal da Xunta, que reflicte que “o compromiso co galego non é unha cuestión illada dun departamento, é unha política compartida e coordinada no conxunto do Goberno galego”.

O xerente do Sergas exemplificou ese traballo coordinado coa difusión nas pantallas dos centros sanitarios da campaña Saca a lingua que levas dentro, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Esta iniciativa dá visibilidade ao uso do galego tanto por parte dos profesionais da sanidade pública como dos propios usuarios.

José Ramón Parada explicou, tamén, que o Sergas se sumou á campaña promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística Falar galego é saudábel, favorecendo a distribución nos centros sanitarios dos materiais deseñados e producidos pola propia Mesa.

Como conclusión, José Ramón Parada sinalou que “a lingua conecta coas persoas dun xeito máis próximo e humano” e por iso recoñeceu que o uso da lingua galega forma parte dun modelo de atención sanitaria que pon á persoa no centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026