Villaverde consensúa coa confraría de Aguiño melloras portuarias para o sector profesional
A conselleira do Mar visitou a dársena ribeirense para avaliar posibilidades de mellora das instalacións de tratamento do percebe e a nave de redes, entre outras
Ribeira (A Coruña), 7 de maio de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e a confraría de Aguiño, no municipio coruñés de Ribeira, colaborarán para executar melloras para o sector profesional da localidade. Así o trasladou esta mañá a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita á dársena na que consensuou co sector as principais liñas de actuación en materia portuaria.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez, explicou que o seu departamento está a traballar en diferentes propostas para a mellora da actividade extractiva en Aguño. Neste sentido puxo en valor a coordinación das actuacións cos profesionais que operan neste porto e agradeceu o traballo da confraría de pescadores.
En concreto, a conselleira explicou que Portos de Galicia está a traballar no novo deseño da instalación de subministro de auga salgada para a zona de tratamento do percebe, no interior do edificio da lonxa. Así, durante a reunión acordouse coa confraría unha nova bomba que garanta un mellor funcionamento do sistema.
Ademais, no encontro valoráronse as diferentes posibilidades para a reforma da nave de redes, cuxo proxecto é susceptible de financiamento a través dos fondos GALP ou do plan de equipamentos portuarios con fondos FEMPA. Así mesmo ratificou o compromiso de Portos de Galicia coa reparación da zona de rampla somerxida, logo de ter reparado xa a parte de terra. A actuación na zona somerxida executarase en función dos tempos que marquen os propios profesionais en base a actividade da rampla.
Finalmente na reunión abordáronse as necesidades de atracada da frota da zona e Portos de Galicia comprometeuse a presentar a opción máis viable tecnicamente para darlles resposta.