O Recinto Feiral Internacional de Galicia acollerá este sábado desde ás 16,00 horas a realización dos exames da fase de oposición nas que de ofertan 1.980 prazas
O Servizo Galego de Saúde ultima os preparativos das probas de acceso á categoría de enfermería, ás que están chamadas mañá máis de 8.600 persoas
Durante esta primavera o Sergas ofertou un total de 2.476 prazas, distribuídas nas diferentes especialidades de enfermería e na categoría de persoal de servizos xerais
A Xunta mantén a súa aposta pola estabilidade profesional do persoal que desempeña o seu labor na sanidade pública galega
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
O Servizo Galego de Saúde ultima os preparativos das probas de acceso á categoría de enfermería que, durante a xornada de mañá, sábado, se desenvolverán no Recinto Feiral Internacional de Galicia e nas que resultaron admitidos 8.661 opositores.
Desde as 16,00 horas de mañá o Recinto Feiral de Silleda acollerá a realización duns exames nas que o departamento sanitario da Xunta ofertará un total de 1.980 prazas.
Durante esta primavera, o Servizo Galego de Saúde oferta un total de 2.476 prazas.
Deste xeito, e xunto coas prazas de enfermería dos exames mañá, leváronse a cabo os procedementos para acceder a 128 prazas na categoría de enfermería familiar e comunitaria, 69 prazas de enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrón/a), 60 de enfermería pediátrica, 3 de enfermería do traballo e 236 á categoría de persoal de servizos xerais.
Protocolo e medidas organizativas das probas
A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas lembra que para o acceder ao recinto non se realizará o chamamento dos aspirantes na entrada do pavillón destinado á realización das probas.
A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas.
Este código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.
Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.
Con estas convocatorias o Goberno galego dá resposta ás necesidades organizativas e de persoal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, garantido a calidade asistencial, xunto coa eficacia e a eficiencia dos seus recursos.
Ademais, mantén a súa aposta pola estabilidade profesional do persoal que desempeña o seu labor na rede sanitaria pública galega.