A Xunta instala 15 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos dos concellos de Oroso e Santiago
O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 15 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos concellos de Oroso e Santiago de Compostela co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estes episodios así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan.
En concreto, colocáronse 15 carteis de distintos tipos (9 reducidos, 3 xerais a 2 caras, 2 xerais a 1 cara en un infantil) na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do Río Tambre-Sigüeiro. A maioría deles (13) están no concello de Oroso e dous no de Santiago de Compostela.
Segundo se recolle no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona de risco pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.
Deste xeito, cómpre lembrar que Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 28 concellos con áreas con alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso e Santiago de Compostela.
Cando se trata de zonas amplas a sinalizar, coma neste caso, o organismo hidráulico adoita combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis, como os paneis xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.
O organismo autonómico reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.
No caso concreto das actuacións de sinalización en Oroso e Santiago de Compostela, os traballos para instalar estes carteis na contorna do río Tambre —cun custo de preto de 5.800 euros— enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento global de preto de 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.