María José Gómez lembra que os propietarios de parcelas nas faixas secundarias das parroquias priorizadas poden contratar a súa limpeza con Seaga
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe a parroquia de Sabaxáns, no concello de Mondariz, onde se están a levar a cabo tarefas preventivas nestas franxas ao abeiro do convenio coa empresa pública
Recordou que manter limpas as faixas secundarias é unhas responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os concellos
Salientou que esta nova colaboración, asinada a finais do pasado ano, está dotada cun orzamento de 25 M€ anuais, o dobre que na anterior, e reforza os apoios a particulares e municipios
Explicou que a través do convenio tamén se brinda apoio aos concellos coa realización de execucións secundarias en ata 10 hectáreas por ano, coa limpeza de ata 12 kms de vías municipais, cos procesos de inspección ou co envío de notificacións, entre outros
Desde o ano 2021 e ata finais de 2025, os propietarios de arredor de 27.300 parcelas contrataron os servizos de Seaga a un prezo reducido
Mondariz (Pontevedra), 8 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a parroquia de Sabaxáns, no concello de Mondariz, onde se están a executar tarefas de prevención nas faixas secundarias en parroquias priorizadas ao abeiro do novo convenio de xestión da biomasa asinado con Seaga a finais do pasado ano. Neste sentido, lembrou que os propietarios das parcelas situadas nestas parroquias priorizadas como a de Sabaxáns, poden contratar os servizos da empresa pública a un prezo reducido de 420 euros por hectárea para realizar esta tarefa.
A conselleira salientou que este é un dos apoios que se brindan aos propietarios de 276 parroquias incluídas no convenio, 54 delas na provincia de Pontevedra. Deste xeito, explicou que no concello de Mondariz, os propietarios de preto de 140 parcelas xa fixeron este trámite para actuar en case oito hectáreas dentro das cinco parroquias priorizadas recoñecidas no municipio.
En todo caso, recordou que manter limpas as faixas secundarias é unhas responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os concellos, que deberán facelo de xeito subsidiario. Neste sentido e no marco do citado acordo con Seaga, a conselleira explicou que se apoia ás administracións locais na realización destas execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por ano fóra das parroquias priorizadas, na limpeza de ata 12 kms de vías de titularidade municipal, no envío de notificacións aos propietarios ou coa realización das inspeccións sobre o terreo.
25 millóns de euros anuais
A conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego en materia de prevención de incendios, incrementando o orzamento deste convenio ata os 25 millóns de euros anuais, o dobre que no anterior. Neste senso, resaltou que 295 concellos xa solicitaron a súa adhesión e animou aos restantes a facelo.
Así mesmo, fixo balance dos resultados deste acordo que, desde 2021 e ata finais de 2025, permitiu que os propietarios de arredor de 27.300 parcelas en parroquias priorizadas contratasen os servizos de Seaga a un prezo reducido; que se realizasen máis de 6.500 execucións subsidiarias e se limpasen máis de 2.100 kms de vías; que se inspeccionasen máis de 2,5 millóns de parcelas e se enviasen aos concellos máis dun millón de notificacións e publicacións.