O titular de Sanidade participou este mediodía na inauguración do XXIV Congreso Nacional e o XIII Congreso Internacional da Sociedade Española de Gerodontología (Seger)

Gómez Caamaño subliña o esforzo da Sociedade Española de Gerodontología por ofrecer respostas avanzadas para a saúde bucodental dos maiores

O conselleiro remarca que a atención aos maiores representa actualmente un desafío sanitario de primeira magnitude que require a adaptación constante do sistema de saúde

O responsable da carteira sanitaria da Xunta salienta que a saúde bucodental incide na autonomía e na calidade de vida das persoas maiores

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou este mediodía na inauguración do XXIV Congreso nacional da Sociedade Española de Gerodontología (SEGER), no encontro destacou o papel crucial desta entidade na procura de solucións específicas para unha sociedade cada vez máis lonxeva.

Durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que a atención aos maiores representa na actualidade un desafío sanitario de primeira magnitude polo que é preciso unha adaptación constante do sistema sanitario. 

Así, puxo en valor o compromiso de SEGER coa promoción da saúde oral e o fomento do coñecemento vencellado ao benestar da poboación maior. Nesta liña, salientou a importancia que ten a pedagoxía sanitaria na sociedade, incidindo en que a prevención e a educación en saúde non deben restrinxirse a ningún tramo de idade. 

“A saúde bucodental non é un aspecto illado, senón un reflexo da saúde xeral que inflúe directamente na nutrición, na autonomía e na calidade de vida dos maiores”, apuntou o responsable autonómico.

Reforzo da atención sanitaria en Galicia

Cunha esperanza de vida elevada e unha poboación envellecida, a Xunta está a adaptar o seu sistema sanitario para ofrecer respostas máis humanas e específicas.

Neste senso, o titular de Sanidade defendeu que calquera ampliación da carteira de servizos no Sistema Nacional de Saúde debe abordarse con responsabilidade e co financiamento necesario.

Sobre este particular, lembrou algunhas das medidas que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde para optimizar a atención sanitaria da poboación galega. Entre outras, destacou a progresiva creación de unidades multidisciplinares, coas que se garanten tratamentos máis seguros e especializados para persoas con necesidades especiais; ou a incorporación de tecnoloxía dixital avanzada, que permite diagnósticos máis precisos integrados na historia clínica electrónica. 

Gómez Caamaño concluíu a súa intervención agradecendo o compromiso dos profesionais da Sociedade Española de Gerodontología e reafirmou a necesidade dun modelo de coidados centrados na persoa e que teña en conta as circunstancias e limitacións de cada paciente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026