Medio Rural desenvolverá un novo pasteiro de 30 hectáreas en Viveiro cun investimento de case 100.000 €

A conselleira María José Gómez visitou hoxe os terreos do monte veciñal de Buio nos que se situará esta nova infraestrutura, coa que os veciños terán base territorial suficiente para aumentar o número de cabezas de gando equino

Desde 2020, o Goberno galego mobilizou co Plan de Pastos de Galicia case 2.500 hectáreas, distribuídas en 106 pasteiros e investiu uns 15 millóns de euros

Viveiro (Lugo), 10 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou hoxe que a Xunta ten previsto desenvolver novos pasteiros nas catro provincias galegas. Entre eles estará o situado no monte veciñal en man común de Buio, en Viveiro, uns terreos que foron visitados hoxe pola titular do departamento.

A nova infraestrutura ocupará unha superficie total de algo máis de 30 hectáreas e para a súa posta en marcha investiranse, en conxunto, 95.500 euros, que se destinarán a labores de roza, recollida de madeira, encalado, aboado e sementado, entre outras actuacións previstas.

A conselleira sinalou que con este pasteiro os veciños da contorna terán base territorial suficiente para aumentar o número de cabezas de gando equino e poder controlar a vexetación nestas parcelas, o que favorece a prevención de incendios forestais. Gómez engadiu que os pasteiros son un modelo de aproveitamento do territorio sustentable e compatible coa preservación do patrimonio natural e que impulsa, ademais, a gandaría en extensivo.

Por iso, a conselleira reafirmou a intención da Xunta de seguir traballando, da man dos propietarios do monte, con iniciativas como esta, “para garantir un rural máis produtivo, protexido en con futuro”. Asemade, Gómez subliñou que esta nova infraestrutura forma parte do Plan de Pastos de Galicia, co que Medio Rural mobilizou desde 2020 case 2.500 hectáreas, distribuídas en 106 pasteiros e cun investimento conxunto que rolda os 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2026