O titular de Sanidade visitou o Recinto Feiral Internacional de Galicia onde se celebraron as probas de acceso a esta categoría do Servizo Galego de Saúde
Gómez Caamaño destaca o compromiso da Xunta co emprego estable na sanidade pública coa celebración dos exames para optar a 1.980 prazas de enfermería
As probas desta tarde tiveron unha taxa de participación do 90,7 % ao presentarse 7.859 persoas das 8.661 que estaban convocadas
Os aspirantes só tardaron 50 minutos en acceder ao recinto para a realización das probas
Nesta primavera o Sergas ofertou un total de 2.476 prazas, distribuídas nas diferentes especialidades de enfermería e na categoría de persoal de servizos xerais
O Goberno galego mantén a súa aposta pola estabilidade profesional do persoal que desempeña o seu labor na sanidade pública galega
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde o compromiso da Xunta co emprego estable durante a súa visita ao Recinto Feiral Internacional de Galicia, en Silleda, onde se celebran as probas de acceso ás 1.980 prazas de enfermería que oferta o Servizo Galego de Saúde. Os aspirantes accederon ao recinto en só 50 minutos.
Acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Mar Pousa, o titular de Sanidade puxo en valor as 2.476 prazas que ofertou esta primavera o departamento sanitario galego nas diferentes especialidades de enfermería e na categoría de persoal de servizos xerais (PSX).
“O noso obxectivo é seguir reducindo a temporalidade e reforzar os cadros de persoal cun emprego máis estable”, referiu Gómez Caamaño.
Segundo informou, os exames desta tarde tiveron unha taxa de participación do 90,7 %, ao presentarse ás probas 7.859 persoas das 8.661 que estaban convocadas. Trátase dun dos procesos selectivos máis importantes dos últimos anos no ámbito sanitario galego, referiu Gómez Caamaño, en alusión ao importante número de opositores e á cantidade de prazas convocadas.
De feito para a realización destes exames habilitáronse o dobre de espazos de lactación, en comparación con outras probas, tras ser solicitados por 65 mulleres.
Así mesmo, nestes exames no que o 90 % das persoas aspirantes son mulleres, 4 delas realizaron as súas probas desde o centro hospitalario no que se atopan ingresadas por embarazo.
O máximo responsable da Sanidade pública galega remarcou na súa intervención que o Servizo Galgo de Saúde conta con preto de 48.700 profesionais, un 21 % máis que había 17 anos.
Os exames desta tarde completan as probas iniciadas o pasado 25 e 26 de abril, na que se ofertaron 496 prazas para distintas especialidades de enfermería e a categoría de persoal de servizos xerais. Así, entre ambas as convocatorias, o Servizo Galego de Saúde a ofertou esta primavera 2.476 prazas.
“Queremos seguir nesta liña, consolidando o emprego público de calidade, reforzando os equipos asistenciais e ofrecendo máis oportunidades aos profesionais que queren desenvolver a súa carreira en Galicia”, concluíu o conselleiro de Sanidade.