O Servizo Galego de Saúde publica a adxudicación de destino definitivo de 65 médicos de familia de atención primaria seleccionados por concurso-oposición

Noméanse dez profesionais para a área sanitaria da Coruña e Cee; dous para a de Ferrol; dez para a de Santiago de Compostela e Barbanza; dez para a área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 15 para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; cinco para a de Pontevedra e O Salnés; e 13 para a área de Vigo

Dispoñen ata o 12 de xuño para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

O Servizo Galego de Saúde publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo de 65 aspirantes seleccionados no concurso-oposición, para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Este é o segundo proceso de nomeamento e adxudicación de destino definitivo na categoría de médico de familia de atención primaria, tras resultar 67 prazas vacantes logo da resolución de nomeamento do 22 de decembro de 2025. Neste proceso de adxudicación ofertáronse as prazas que resultaron vacantes ás novas persoas aspirantes segundo a orde de prelación, tal e como está establecido na resolución da convocatoria, co fin de asegurar a cobertura da totalidade das prazas ofertadas no proceso selectivo.

Neste segundo proceso de nomeamento, ofertábanse 67 prazas na categoría de médico de familia de atención primaria e resultan adxudicatarios de destino definitivo 65 profesionais. Tras o proceso de elección de destino quedan dúas prazas vacantes: unha no Barco de Valdeorras e outra en Oímbra.

Noméanse dez profesionais para a área sanitaria da Coruña e Cee; dous para a de Ferrol; dez para a de Santiago de Compostela e Barbanza; dez para a área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 15 para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; cinco para a de Pontevedra e O Salnés; e 13 para a área de Vigo.

As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. Polo tanto, o prazo finaliza o 12 de xuño de 2026.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 12/05/2026