O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria, participou na inauguración das XV Xornadas de enfermería: da vocación ao liderado
Gómez Caamaño destaca o traballo da enfermería dos sete equipos de soporte de atención domiciliaria de Ourense, que realizaron xa case 57.400 consultas e atenderon 32.450 pacientes
Remarca que os 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en primaria incorporados en toda Galicia realizaron, desde a súa posta en marcha no ano 2022, máis de 214.000 consultas e atenderon máis de 177.000 pacientes
Incide no destacado papel que xoga o colectivo de enfermería no desenvolvemento dos programas de cribado, nas campañas de vacinación e na promoción da saúde
O Sergas conta con 13.000 profesionais de enfermería contratados, situándose na ratio media do Estado e, superándoa no caso das enfermeiras de atención primaria
Reitera o compromiso da Xunta por seguir a impulsar a estabilización e a mellora das condicións laborais do persoal de enfermería
Ourense, 12 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o traballo da enfermería dos sete equipos de soporte de atención domiciliaria da provincia de Ourense, que realizaron preto de 57.400 consultas e atenderon 32.450 pacientes desde a súa posta en marcha.
O titular da carteira sanitaria, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, participou na inauguración das XV Xornadas de enfermería, da vocación ao liderado: a enfermería que vén.
En total -referiu o conselleiro- os 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en primaria incorporados en toda Galicia realizaron, desde a súa posta en marcha no ano 2022, máis de 214.000 consultas e atenderon máis de 177.000 pacientes.
Neste foro, o máximo responsable do Sergas subliñou que o persoal de enfermería é un elemento vertebrador do sistema sanitario. Ao respecto, incidiu no papel que xogan no desenvolvemento dos programas de cribado, nas campañas de vacinación e na promoción da saúde. Tamén resultan fundamentais no labor de acompañamento continuo aos pacientes e na integración entre os diferentes ámbitos de atención.
Gómez Caamaño puxo en valor as medidas impulsadas desde a Xunta para afrontar os grandes retos da sanidade galega, entre os que citou o avellentamento, a cronicidade e a dispersión da poboación. Así, a Estratexia galega de saúde 2030 prioriza a especialización da enfermería, promovendo os postos da especialidade de familiar e comunitaria.
Compromiso coa estabilización de prazas
Na súa intervención, o conselleiro destacou a aposta continua da Xunta por aumentar os recursos, reforzar os equipos e consolidar prazas estables no Servizo Galego de Saúde. Esta aposta supón que, na actualidade, o Sergas conte con 13.000 profesionais contratados de media en enfermería, unha ratio que se sitúa na media do Estado e, por riba desa media estatal no caso das enfermeiras de atención primaria.
Para concluír, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta por seguir a impulsar a estabilización e a mellora das condicións laborais do persoal de enfermería. Neste senso, esta pasada fin de semana remataron as probas para acceder a máis de 2.200 prazas deste colectivo, o que demostra a aposta do Goberno galego pola estabilidade destes profesionais, esenciais na sanidade pública galega.