O Servizo Galego de Saúde publica a relación definitiva das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Rexistráronse un total de 2.781 inscricións

Resultaron admitidos 2.514 aspirantes

A categoría con maior número de solicitudes é a de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, con 197 inscricións

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coa relación definitiva da orde de prelación e a puntuación obtida polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal de diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria, médico de admisión e documentación clínica e médico de hospitalización a domicilio.

Xeráronse un total de 2.781 inscricións. Resultaron admitidos 2.514 aspirantes. A categoría con maior número de solicitudes é a de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, con 197 inscricións.

O total de aspirantes admitidos por categorías foron 2.319 en facultativos especialistas de área, 58 en médico de admisión e documentación clínica e 139 en médico de hospitalización a domicilio.

O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 825 en facultativos especialistas de área, 20 en médico de admisión e documentación clínica e 59 en médico de hospitalización a domicilio.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Co novo pacto de selección temporal, estas listas de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria pasarán de ser de ámbito autonómico a ser de ámbito de área sanitaria. Nas inscricións editables para o seguinte ciclo, o persoal deberá seleccionar a área sanitaria da súa preferencia, na que desexe estar dispoñible para chamamentos. Ademais habilítase a opción de marcar a voluntariedade para chamamentos en áreas limítrofes.

As listas entrarán en vigor mañá a efectos de chamamentos.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: enfermeiro especialista en enfermería de saúde mental, en enfermería do traballo, en enfermería familiar e comunitaria, en enfermería obstétrico-xinecolóxica, en enfermería pediátrica, médico de familia, médico de urxencias hospitalarias, médico coordinador do 061, médico asistencial do 061, pediatra de atención primaria e técnico de saúde de atención primaria.

Data de actualización: 12/05/2026