Belén do Campo participa na concentración organizada por Fibrovisbles con motivo do Día Mundial da Fibromialxia e do Síndrome da Fatiga Crónica
A representante do Goberno autonómico destacou o compromiso e o labor diario da entidade para “dar voz ás persoas que conviven con enfermidades moitas veces invisibles para a sociedade, promovendo a sensibilización, o apoio mutuo e unha mellor calidade de vida para as persoas afectadas”
A Coruña, 12 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá na concentración celebrada na praza de María Pita con motivo do Día Mundial da Fibromialxia e do Síndrome de Fatiga Crónica (SFC), organizada pola asociación Fibrovisibles.
A representante do Goberno galego trasladou o apoio da Xunta ás persoas afectadas por estas enfermidades e ás súas familias, ao tempo que puxo en valor o importante traballo que desenvolve a asociación Fibrovisibles na atención, acompañamento e visibilización desta realidade.
Belén do Campo destacou o compromiso e o labor diario da entidade para “dar voz ás persoas que conviven con enfermidades moitas veces invisibles para a sociedade, promovendo a sensibilización, o apoio mutuo e unha mellor calidade de vida para as persoas afectadas”.
Así mesmo, incidiu na importancia de continuar avanzando na concienciación social e no recoñecemento da fibromialxia e do síndrome de fatiga crónica, así como no apoio ás asociacións que traballan neste ámbito.
A delegada da Xunta salientou tamén o papel fundamental do tecido asociativo para acompañar ás persoas afectadas e contribuír a facer visible a súa situación e necesidades, reiterando o compromiso da Xunta coa promoción de iniciativas de sensibilización e apoio social.