A Casa de Galicia en Madrid reivindica a dimensión cultural e histórica do Camiño de Santiago

Madrid, 12 de maio de 2026

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a conferencia Santiago e os seus camiños: Historia, Cultura e Patrimonio, impartida por Xesús Palmou, nun acto no que tamén participou o presidente da Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA), Horacio Rico.

Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou a importancia histórica, cultural e espiritual do Camiño de Santiago, así como o impacto que tivo o Xacobeo 93 na proxección internacional de Galicia.

Neste sentido, lembrou que “o Xacobeo 93 marcou un antes e un despois na historia do Camiño de Santiago”, poñendo en valor a aposta realizada pola Xunta de Galicia para impulsar e difundir un patrimonio cultural e espiritual con séculos de historia.

Luis E. Ramos referiuse tamén aos preparativos do vindeiro Xacobeo 2027, subliñando que Galicia xa traballa na organización dunha nova edición que volverá converter a comunidade nun referente internacional da cultura, do turismo e da peregrinación.

O director destacou ademais o crecemento constante da ruta xacobea, facendo referencia aos últimos datos da Oficina do Peregrino, segundo os cales máis de 105.000 peregrinos recolleron xa a compostela no que vai de ano, superando as cifras do mesmo período do ano anterior. Así mesmo, sinalou o marcado carácter internacional do Camiño, cun 67 % de peregrinos procedentes do estranxeiro, entre eles máis de 8.000 chegados desde Estados Unidos.

O relatorio permitiu realizar un percorrido pola historia dos distintos itinerarios xacobeos e afondar na súa riqueza patrimonial e simbólica da man de Xesús Palmou, unha das figuras máis vinculadas ao desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago nas últimas décadas.

Con iniciativas como esta, a Casa de Galicia en Madrid reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e coa promoción do fenómeno xacobeo na capital de España, especialmente na antesala do Ano Santo Compostelán 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2026