A Administración galega contará cun novo modelo aberto e permanente de concurso de traslados

O modelo avanza cara sistemas de mobilidade máis dinámicos, previsibles e adaptados ás necesidades actuais do emprego público

Desde 2023 realizáronse 15 concursos de traslados de diferentes corpos, escalas e especialidades

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026.

A Administración autonómica galega está a traballar nun novo modelo de concurso de traslados aberto e permanente para avanzar cara sistemas de mobilidade máis dinámicos, previsibles e adaptados ás necesidades actuais do emprego público. Así o indicou a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, na súa intervención ante a Comisión 1ª do Parlamento.

A implantación dun sistema deste tipo require dunha grande transformación organizativa e tecnolóxica, así como o desenvolvemento dunha ferramenta informática específica que garanta unha tramitación áxil, segura e permanentemente actualizada dos procedementos de mobilidade.

Nas vindeiras semanas negociarase coas organizacións sindicais e, posteriormente publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do concurso de traslados das escalas de informática, que servirá como proxecto piloto para testar a nova ferramenta informática deseñada para este fin.

Xestión máis dinámica

Este cambio vai permitir avanzar cara “unha xestión máis dinámica da provisión de postos”, argumentou Nuria Aguilar, cun sistema máis adaptado ás necesidades actuais da organización administrativa, pero tamén ás expectativas das persoas empregadas públicas.

Este novo modelo permitirá mellorar a planificación dos recursos humanos, facilitar a cobertura de vacantes e ofrecer ás persoas empregadas públicas un marco máis estable para desenvolver a súa carreira profesional e conciliar a súa vida persoal e familiar. Trátase, por tanto, dunha transformación estrutural da forma de concibir a mobilidade ordinaria, que incorpora unha perspectiva máis ampla, conectando a política de mobilidade coa conciliación, a cohesión territorial e as políticas de impulso demográfico desenvolvidas pola Comunidade Autónoma.

A directora de Emprego Público lembrou que cando se fala de mobilidade no emprego público, non hai que esquecer “o escenario extraordinario no que a Administración autonómica desenvolveu a súa actividade durante os últimos anos”, marcado pola tramitación simultánea de procesos selectivos ordinarios, procesos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, procesos de promoción interna, actos masivos de elección de destino definitivo e tomas de posesión coordinadas de miles de persoas empregadas públicas. Todo isto, salientou, “garantindo a continuidade na prestación dos servizos públicos”.

Para Nuria Aguilar resulta moi significativo que, malia ese contexto, se producira un impulso moi significativo da mobilidade ordinaria na Administración autonómica, con 15 concursos convocados desde o 2023. Isto supuxo un importante esforzo técnico e organizativo para compatibilizar as actuacións derivadas das convocatorias de procesos extraordinarios de estabilización co impulso e desenvolvemento dos concursos de traslados ordinarios.

A Xunta empezará axiña a probar, a través dun proxecto piloto, un sistema que vai permitir unha xestión continua, máis áxil e eficaz dos postos vacantes, “superando progresivamente a lóxica de convocatorias illadas” para chegar a un modelo no que a mobilidade ordinaria poida articularse de “maneira continua, recorrente e previsible”, concluíu a directora de Emprego Público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026