A Xunta realiza labores de conservación fluvial nun tramo de 1,5 quilómetros do río das Mestas ao seu paso polos concellos de Valdoviño, Cerdido e Cedeira

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante máis de catro meses e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial nun tramo de 1,5 quilómetros do río das Mestas ao seu paso polos concellos coruñeses de Valdoviño, Cerdido e Cedeira.

As tarefas, que xa foron comunicadas aos tres concellos, desenvolveranse nas parroquias de San Martiño de Vilarrube (Valdoviño), San Fiz de Esteiro (Cedeira) e San Martiño de Cerdido, no municipio do mesmo nome.

Os traballos, que se prolongarán durante dúas semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as intervencións programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026