A Xunta patrocina a Copa de España de BTT que organiza esta fin de semana en Penas de Rodas o ‘Team Bike Outeiro de Rei’
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, a primeira de categoría internacional XCO (Cross Country Olímpico) que se celebra na provincia de Lugo
Lugo, 13 de maio de 2026
A Xunta de Galicia patrocina a ‘Copa de España de BTT - Gran Premio Internacional XCO’ que se celebra os próximos sábado 16 e domingo 17 de maio en Penas de Rodas (Outeiro de Rei).
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta cita deportiva xunto co alcalde, José Pardo; e membros do Team Bike Outeiro de Rei, organizadores do evento.
Será a cuarta carreira puntuable do certame estatal e congregará a algúns dos corredores máis destacados do panorama nacional, xunto coa presenza de deportistas internacionais. Ademais, os promotores destacan que esta edición é especialmente significativa, ao tratarse da primeira vez que a provincia de Lugo acolle unha proba internacional de XCO (Cross Country Olímpico).
Segundo apunta a organización, o circuíto conta cunha lonxitude aproximada de 4.500 metros por volta e un desnivel positivo acumulado de 160 metros. Está deseñado maioritariamente sobre terreo natural, incluíndo elementos técnicos característicos do XCO, como zonas de raíces, seccións de pedra en vertical e outros elementos artificiais – entre eles saltos, que aportan dinamismo e exixencia técnica ao percorrido -.
Arias felicitou ao Team Bike Outeiro de Rei polo seu traballo para incluír no calendario de BTT lucense unha cita deste nivel, que reflicte o aumento da afección polo ciclismo de montaña na provincia, unha modalidade deportiva da que destacou que ten “unha forte vinculación coa natureza”.
Ademais, subliñou os “atributos excepcionais da zona” para acoller unha carreira destas características, que “conxuga deporte e espectáculo e de seguro que terá unha repercusión moi positiva na contorna”.