A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o camión de biorresiduos adquirido polo Concello de Tordoia ao abeiro destes apoios

A Xunta salienta que este ano máis da metade das solicitudes ás axudas para a xestión de residuos son para a mellora do tratamento da fracción orgánica

Ángeles Vázquez indica que este dato exemplifica o compromiso dos concellos cunha xestión eficiente e sostible dos biorresiduos a través dunha recollida máis eficaz e un correcto tratamento

Explica que na actualidade o maior reto no eido da xestión dos residuos atópase no ámbito da fracción orgánica, por ser a de máis recente diferenciación

Subliña que estas axudas que a Xunta convoca periodicamente son unha maneira de sumar capacidades entre administracións para converter a planificación ambiental en solucións tanxibles sobre o territorio

O Goberno galego destina este ano 3 millóns de euros ás liñas específicas para o tratamento da fracción orgánica financiando accións relacionadas coa recollida separada, coa adquisición de vehículos específicos e co impulso da compostaxe doméstica e comunitaria

Tordoia (A Coruña), 13 de maio de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que máis da metade das solicitudes presentadas polas entidades locais á convocatoria de 2026 de axudas para a mellora da xestión do residuos son para o tratamento da fracción orgánica.

Segundo detallou hoxe a conselleira durante a visita que realizou ao Concello de Tordoia, este ano 213 das 416 solicitudes recibidas ás axudas a entidades locais para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos municipais corresponden ás liñas específicas destinadas ao tratamento dos biorresiduos. Este dato exemplifica “o compromiso dos concellos cunha xestión eficiente e sostible dos biorresiduos a través dunha recollida máis eficaz e un correcto tratamento”, dixo Ángeles Vázquez.

Nese senso, a convocatoria de axudas de 2026 destina máis de 3 millóns de euros –dos 5,14 do orzamento total da orde de apoios- ás tres liñas específicas destinadas ao tratamento da fracción orgánica. En concreto, o Goberno galego financiará actuacións relacionadas coa recollida separada, coa adquisición de vehículos específicos e co impulso da compostaxe doméstica e comunitaria.

Cómpre lembrar que a recollida diferenciada da materia orgánica é obrigatoria por lei para todos os concellos desde o 31 de decembro de 2023, polo que a separación en orixe aínda se atopa en proceso de implantación xeneralizada. De feito, tal e como sinalou a conselleira, na actualidade o maior reto atópase no ámbito dos biorresiduos, por ser a fracción de máis recente diferenciación.

Nesa liña, durante a súa visita ao concello coruñés de Tordoia, a conselleira coñeceu o funcionamento do camión específico para a recollida de biorresiduos que a administración local adquiriu co apoio dunha destas axudas correspondente á convocatoria de 2025. Este vehículo permite prestar un servizo máis eficiente, moderno e sostible, adaptado ás necesidades concretas do municipio. Ademais, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que ao ser 100% eléctrico “contribúe tamén á redución de emisións” e á implantación de solucións de mobilidade sostible nos servizos públicos.

A maiores, a conselleira indicou que estas axudas que a Xunta convoca periodicamente son “unha maneira de sumar capacidades entre administracións para converter a planificación ambiental en solucións tanxibles sobre o territorio”. Así, a Xunta colabora coas entidades locais co obxectivo de avanzar na profesionalización do servicio, mellorar a eficiencia operativa e facilitar a implantación territorial da recollida separada, especialmente nos concellos con maior dispersión poboacional.

Para concluír, Ángeles Vázquez lembrou que só desde 2018 o Goberno galego leva investidos preto de 40 millóns de euros en centos de iniciativas municipais destinadas a mellorar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada, en liña coa normativa europea.

De feito, a Xunta mantén o seu compromiso de colaborar cos concellos para avanzar cara a un modelo de economía circular e “unha Galicia máis sostible e comprometida coa calidade ambiental”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026