A Xunta salienta o labor do club de ciencias do IES Antonio Fraguas para promover as vocacións STEM
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o centro compostelán e coñece os proxectos científicos desenvolvidos polo alumnado
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Club de Ciencias do Instituto Antonio Fraguas, en Santiago de Compostela, onde coñeceu de primeira man os proxectos, experimentos, obradoiros e exposicións desenvolvidos polo alumnado grazas a esta iniciativa que fomenta a promoción das vocacións científicas entre eles.
Durante a visita, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou “o compromiso, a creatividade e o talento dos estudantes e do profesorado implicado neste tipo de proxectos, que contribúen a espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás”. Neste sentido, subliñou que os Clubs de Ciencia “son espazos de aprendizaxe activa nos que os estudantes experimentan, investigan e desenvolven competencias fundamentais para o seu futuro académico”.
A directora xeral lembrou que este programa se desenvolve este curso en 255 centros educativos galegos, dos cales 44 se incorporan por primeira vez, e que esta iniciativa xa suma unha participación superior aos 18.400 estudantes desde o seu inicio. A través destas actividades, o alumnado pode afondar en distintos ámbitos científicos mediante propostas prácticas, retos colaborativos e dinámicas de resolución de problemas.
Liderado científico en PISA
Así mesmo, subliñou que a través de programas como este Galicia acada bos resultados en competencias científicas e conciencia ambiental nos principais estudos internacionais. En concreto, lembrou que o alumnado galego lidera a clasificación estatal en competencia científica no último informe PISA, con 506 puntos, por riba da media española e da OCDE. Tamén salientou os resultados obtidos no estudo TIMSS en conciencia ambiental, no que Galicia ocupa o primeiro posto entre todas as comunidades autónomas.