A Xunta impulsa o campus formativo de igualdade laboral cunha nova formación en Pontevedra sobre boas prácticas na retención e atracción de talento

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na inauguración desta actividade formativa impartida pola auditora laboral e especialista en materia de igualdade Catarina Capeáns

Con esta acción búscase favorecer contornas laborais máis equitativas, inclusivas e competitivas e promover a integración efectiva da perspectiva de xénero nas políticas de xestión do talento das organizacións

Pontevedra, 13 de maio de 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, inaugurou hoxe en Pontevedra o obradoiro formativo Boas prácticas para a atracción e retención do talento e a promoción profesional con perspectiva de xénero, no marco do campus formativo de igualdade laboral impulsado pola Xunta. Alí Pablo Fernández salientou a importancia de accións coma esta para favorecer contornas laborais máis equitativas, inclusivas e competitivas.

En concreto esta formación —presencial e en streaming— é de dúas horas de duración e está impartida pola auditora laboral e especialista en materia de igualdade Catarina Capeáns. Con ela búscase promover a integración efectiva da perspectiva de xénero nas políticas de xestión do talento das organizacións, en consonancia coa normativa española e europea en materia de igualdade.

Neste sentido, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais expuxo que este tipo de formacións tamén contribúen a difundir e promover as boas prácticas empresariais en materia de atracción de talento e nos procesos de recrutamento. Tamén estratexias de retención de talento con medidas de conciliación e desenvolvemento profesional equitativo. Ademais, nesta xornada foméntase o intercambio de experiencias entre profesionais do ámbito xurídico, de recursos humanos e da dirección empresarial, facilitando a creación de redes de colaboración.

A maiores, referiuse a outros proxectos da Xunta como a futura Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados para consolidar a igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, sobre a que proximamente o Goberno galego realizará una rolda de consultas con axentes clave.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026