A directora xeral de Patrimonio Natural presentou en Ourense esta nova unidade especializada

A Xunta salienta o papel da Unidade Especializada de Axentes Medioambientais para velar pola protección e conservación do patrimonio natural

Marisol Díaz sinalou que este equipo abordará determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren unha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares

Esta brigada móbil desenvolverá o seu labor en seis áreas principais: plans de loita contra o furtivismo e o veleno, control de especies exóticas invasoras, verteduras incontroladas, benestar animal e xestión de fauna silvestre

Ourense, 13 de maio de 2026

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, salientou hoxe o papel da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (Uicon) para velar pola protección e preservación do patrimonio natural galego, durante a presentación, en Ourense, desta unidade especializada.

Segundo dixo a directora xeral, a posta en marcha deste equipo supón un salto cualitativo na salvagarda e vixilancia avanzada do patrimonio natural xa que os axentes ambientais que a forman contan cunha formación especializada para indagar e perseguir actuacións que poñan en risco a conservación dos hábitats e da biodiversidade.

Logo de indicar que Galicia será unha das primeiras comunidades en contar cunha unidade destas características, Marisol Díaz sinalou que este equipo abordará determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren unha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares, así como dunha coordinación e estratexia única en todo o territorio galego.  De feito, trátase dunha unidade con mobilidade total para atender emerxencias de xeito inmediato en calquera punto da Comunidade.

Nesa liña, esta brigada móbil desenvolverá o seu labor en seis áreas principais: plans de loita contra o furtivismo e o veleno, control de especies exóticas invasoras, verteduras incontroladas, benestar animal e xestión de fauna silvestre.

A directora xeral, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, fixo fincapé en que esta unidade complementará o gran traballo que desenvolven os 165 axentes adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no seu labor de velar pola conservación do patrimonio natural e a aplicación da normativa vixente. Así, exercen sobre o terreo funcións de policía, custodia e vixilancia dos bens de natureza ambiental e asumen un papel activo en moitas das accións impulsadas para garantir a preservación da Galicia verde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026