Villaverde defende en Burela a sostibilidade do sector pesqueiro e a súa importancia para Galicia
Considera decisivo, na futura revisión da PPC, avanzar cara modelos de cogobernanza baseados na participación do sector e das rexións costeiras
A conselleira do Mar participou na inauguración das XXXIII Xornadas Técnicas e do XXVII Encontro Empresarial organizados pola Fundación Expomar
Burela (Lugo), 14 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este xoves na apertura oficial das XXXIII Xornadas Técnicas e do XXVII Encontro Empresarial organizados pola Fundación Expomar, unha cita que a responsable autonómica cualificou como “un dos grandes espazos de reflexión sobre o presente e o futuro da pesca”, grazas á súa capacidade para reunir representantes das administracións públicas, organizacións pesqueiras, empresas, comunidade científica e profesionais vinculados ao mar.
Na súa intervención a conselleira subliñou que a pesca constitúe “un sector estratéxico para Galicia desde o punto de vista económico, social e territorial”, ao tratarse dunha actividade ligada ao emprego, á cultura e á identidade das poboacións mariñeiras. “Miles de familias dependen directamente do mar e do futuro deste sector”, afirmou.
Neste senso, puxo en valor o papel de Burela como un dos portos pesqueiros máis dinámicos e relevantes da comunidade e felicitou á Fundación Expomar pola elección dos temas desta edición, centrados en aspectos clave como a sustentabilidade, a seguridade laboral, a formación ou o futuro da actividade pesqueira.
A titular de Mar reiterou a aposta de Galicia por unha pesca responsable e sostible. “Aquí ninguén cuestiona a necesidade de protexer o mar e conservar os recursos pesqueiros porque o propio sector leva anos demostrando un enorme compromiso coas boas prácticas”, asegurou.
Neste contexto, de cara ao proceso de revisión da Política Pesqueira Común (PPC), defendeu a necesidade de avanzar cara modelos de maior cogobernanza e corresponsabilidade, baseados no diálogo, no coñecemento técnico e na participación activa do propio sector, da comunidade científica e das rexións altamente dependentes da pesca. A este respecto, incidiu na importancia de que as decisións que se adopten neste eido deben ser “desde o equilibrio”, tendo en conta o impacto económico e social que determinadas medidas poden ter nas zonas costeiras e nas persoas que viven do mar.
Outro dos eixos da súa intervención foi a necesidade de garantir a remuda xeracional. Neste caso, trasladou a vontade da Xunta de continuar reforzando a formación e a capacitación profesional dos traballadores vinculados á actividade pesqueira.
Apoio a Expomar
A presenza de Villaverde neste foro reafirma o compromiso do Goberno galego coa Fundación Expomar e coa cadea mar-industria da Mariña. A Consellería que dirixe destinou preto de 600.000 euros á entidade entre os anos 2011 e 2026 para apoiar distintas iniciativas de promoción e difusión do mundo marítimo-pesqueiro, como as xornadas inauguradas hoxe, e que tamén contaron coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, nunha das mesas de debate.