O presidente da Xunta participou hoxe no ‘XI Encontro coa Industria Alimentaria de Vegalsa-Eroski’

Rueda pon en valor o peso estratéxico da industria alimentaria e reafirma o compromiso da Xunta para garantir o emprego e a competitividade

Subliña que este sector é un dos grandes motores de Galicia e agradece o labor de distribuidores que, como Vegalsa-Eroski, son parte esencial da cadea de valor e apostan polo produto de proximidade e de calidade diferenciada

Asegura que “quen busca a calidade e quen a ten como un dos seus elementos fundamentais de negocio, merece todo o noso apoio”

Salienta o éxito da Estratexia Galicia Retorna para atraer talento do exterior e o impulso á FP Dual para dar resposta á necesidade de persoal das empresas

Avoga por abordar a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo desde o consenso e a realidade do tecido produtivo

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o peso estratéxico do sector agroalimentario galego como un dos piares fundamentais da economía da comunidade e reafirmou o compromiso do Goberno galego para garantir o emprego “estable e de calidade” e a competitividade nesta industria.

Así o asegurou no XI Encontro coa Industria Alimentaria Vegalsa-Eroski, celebrado en Santiago, onde puxo en valor o papel determinante que xogan empresas e distribuidores como Vegalsa-Eroski, que actúan como unha parte esencial da cadea de valor xunto cos produtores e a industria transformadora e apostan polo produto de proximidade e de calidade diferenciada. Ao acto tamén asistiu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que será a encargada de clausurar a xornada.

Así, o titular do Goberno galego subliñou que o éxito desta industria reside na estreita colaboración entre todos os seus axentes, sinalando que as empresas de distribución son "un motor” fundamental para o crecemento do sector primario. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter a excelencia como marca de identidade, reivindicando o papel de Galicia Calidade como un concepto transversal.

"Cando falamos de Galicia Calidade falamos dun paraugas que o engloba todo; é facer as cousas ben", aseverou Rueda, quen engadiu que “quen busca a calidade e quen a ten como un dos seus elementos fundamentais de negocio, merece todo o noso apoio”.

Captación de talento

Rueda valorou tamén a colaboración da compañía en liñas estratéxicas para a Xunta como a Estratexia Galicia Retorna, a través de ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, no que está implicada a distribuidora. Un programa, explicou, que busca atraer de volta a Galicia a persoas traballadoras da diáspora dun xeito planificado e cubrindo vacantes de empresas galegas.

Nesta liña, Rueda recoñeceu que o acceso a man de obra cualificada é un dos principais retos do sector. Para facerlle fronte, aposta por seguir potenciando a formación profesional, cuxa matrícula se dobrou nos últimos anos, e especialmente o sistema de FP Dual "onde as empresas se implican coa Xunta en darlle prácticas aos alumnos que moitas veces se converten en traballadores".

Absentismo e retos globais

Outro dos asuntos que quixo mencionar o presidente foi o absentismo laboral, unha cuestión que afecta en gran medida á comunidade e a “principal preocupación” de moitos empresarios. Así, Rueda comprometeu o pulo de "medidas valentes" por parte da Administración autonómica para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo, pero advertiu que a solución require da implicación de todas as partes.

Ademais, ante o novo escenario que abre a entrada en vigor de acordos internacionais como o de UE-Mercosur, o presidente da Xunta avogou por actuar con "sentidiño" para minimizar os posibles riscos e aproveitar as vantaxes competitivas de Galicia. "Temos unha gran potencia na produción e unha gran potencia na distribución, moi profesionalizada e con compañías que son referencia en toda España", destacou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2026