A Xunta apoia ao Club de mar Ferrol na organización da II Regata de vela-cruceiro en augas da ría ferrolá

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no peirao de Curuxeiras na presentación do evento incluído no calendario oficial da Federación Galega de Vela

Ferrol, 19 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da II Regata Cidade de Ferrol de vela que terá lugar esta fin de semana en augas da ría ferrolá co apoio da Xunta de Galicia.

A cita, organizada polo Club de Mar Ferrol e incluída no calendario oficial da Federación Galega de Vela, disputarase na modalidade de vela cruceiro en dúas etapas: a primeira, o sábado, de percorrido costeiro e a segunda, o domingo, pola ría ferrolá.

Na súa intervención, a delegada territorial destacou a oportunidade que eventos coma este supoñen para poñer en valor o potencial náutico, deportivo e turístico da zona, sinalando que “iniciativas como esta regata contribúen non só a fomentar o deporte, senón tamén a proxectar a imaxe de Ferrol e da súa contorna como un destino ligado á calidade, á natureza e ao mar”.

Ademais da competición náutica, o evento estará amenizado con pinchos, música en directo e sorteos que terán lugar na Sala Curuxeiras ao finalizar cada unha das xornadas. Por outra banda, como previa ao evento deportivo, o club organiza este venres ás 19:00 h. unha charla coloquio co regatista Juan Merediz, que ostenta a mellor marca da Ruta do Descubrimento Cádiz-San Salvador (Bahamas).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026