O director xeral de Inclusión Social e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego asistiron hoxe ao balance de actividades e entrega de diplomas dos cursos da área de emprego de Cáritas
A Xunta impulsa o acceso ao emprego como principal vía para a inclusión social
Arturo Parrado destaca a importancia dos itinerarios personalizados para unha integración real e sostible de persoas en situación de vulnerabilidade
Pola súa banda, Zeltia Lado, pon en valor a formación en eidos estratéxicos e proxectos como a empresa de inserción Arroupa
Santiago de Compostela, 19 de maio do 2026
A Xunta avoga por continuar a impulsar o acceso ao emprego de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade como principal vía para a inclusión social. Así o sinalaron esta mañá o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego Zeltia Lado, no acto de presentación do balance de actividade da área de emprego de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, que reuniu a empresas colaboradoras e alumnado dos cursos de formación organizados pola entidade.
Na súa intervención, o director xeral de Inclusión Social manifestou que o acceso a un posto de traballo, ademais de ser unha fonte de ingresos, “posibilita unha maior autonomía e supón a oportunidade de realizar un proxecto de vida”. Ao respecto, indicou que os itinerarios personalizados de inserción sociolaboral son unha ferramenta esencial para acompañar ás persoas en situación de vulnerabilidade cara unha integración real e sostible no mercado laboral.
Neste proceso de acceso ao emprego, Arturo Parrado destacou o labor dos concellos, das empresas e de entidades como Cáritas, que cualificou de referente no eido da integración laboral. Nesta liña, afirmou que “soamente desde o compromiso conxunto é posible construír un mercado laboral máis xusto, inclusivo e capaz de non deixar a ninguén atrás”.
Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destacou a impartición por parte de Cáritas de formacións a prol da mellora de oportunidades laborais das persoas desempregadas, centradas en eidos estratéxicos como o da atención sociosanitaria e que veñen sendo apoiadas pola Xunta no marco das convocatorias AFD. Poñendo en valor o seu labor con colectivos como o das persoas migrantes, Lado fixo alusión tamén á súa empresa de inserción Arroupa, recoñecida co Premio Comercio Sostible 2025 e que vén recibindo achegas autonómicas para incentivar a contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social ou de cara a favorecer o seu funcionamento, axudando na xestión e dirección da entidade e financiando o persoal técnico de orientación.
Entrega de diplomas
O evento de hoxe serviu de recoñecemento á empresas que colaboran con Cáritas na área de Santiago, facilitando a realización de prácticas laborais ou a inserción laboral do alumnado dos seus cursos de formación. Tamén se entregaron os diplomas ás persoas participantes nas distintas accións formativas para mellorar a empregabilidade desenvolvidas pola entidade.
O ano pasado, a área de emprego de Cáritas en Santiago atendeu a 1.777 persoas a través de 61 cursos e obradoiros laborais e prelaborais. Así mesmo, xestionáronse 631 ofertas de emprego e conseguíronse 627 insercións, para o que se contou coa colaboración de 78 empresas.