Belén do Campo e Roberto García reciben e felicitan ao Fabril tras o seu ascenso a Primeira Federación e destacan o valor da canteira como motor do fútbol galego

Os representantes da Xunta resaltaron que detrás deste logro existe un ecosistema deportivo exemplar, que comeza no fútbol base, se consolida a través do traballo desenvolvido no Depor Training Center

A Coruña, 19 de maio de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, recibiron ao Fabril para trasladarlle a felicitación e o recoñecemento institucional da Xunta de Galicia tras o seu ascenso á Primeira Federación, despois de proclamarse campión do Grupo I de Segunda Federación.

Durante o encontro, ambos responsables quixeron poñer en valor unha tempada “sobresaínte e exemplar” que, segundo destacaron, “trascende o puramente deportivo para converterse nunha mostra clara de que o traballo de base, a confianza na formación e a aposta polo talento propio son a mellor garantía de futuro”.

Belén do Campo sinalou que este ascenso “supón unha grande satisfacción para toda a provincia da Coruña e para o deporte galego, ao demostrar que os proxectos construídos desde a identidade, o esforzo e o sentimento de pertenza teñen recompensa”. A delegada incidiu en que o Fabril “representa hoxe mellor ca nunca a fortaleza dunha canteira que non deixa de medrar e de ofrecer oportunidades a futbolistas formados na nosa terra”.

Pola súa banda, Roberto García destacou que o regreso do conxunto fabrilista á categoría de bronce do fútbol español “é moito máis ca un éxito competitivo; é a confirmación dun camiño sólido e ben definido, no que a formación integral dos deportistas e a planificación a longo prazo están a dar os seus froitos”. Neste sentido, subliñou que “o Fabril convértese nun referente para o fútbol galego e nun exemplo de como a aposta polos xogadores da casa reforza a identidade e o futuro dun club”.

A actual plantilla do equipo é, segundo apuntaron, o mellor reflexo deste modelo. Cun destacado peso do talento galego e, especialmente, coruñés, o Fabril presenta unha xeración de futbolistas que non só compiten ao máximo nivel, senón que coñecen e senten o escudo porque medraron dentro da estrutura deportiva do club. A eles súmanse, ademais, numerosos canteiráns en idade xuvenil que xa tiveron protagonismo ao longo desta tempada histórica.

Os representantes da Xunta resaltaron que detrás deste logro existe “un equipo deportivo exemplar”, que comeza no fútbol base, se consolida a través do traballo desenvolvido no Depor Training Center e se proxecta cara ao futuro cun modelo que non só forma futbolistas, senón tamén persoas comprometidas, constantes, humildes e ambiciosas. Neste senso lembraron que o o Fabril estivo no 3º nivel do fútbol español en 6 tempadas.

Belén do Campo e Roberto García tamén tiveron palabras de recoñecemento para o corpo técnico encabezado por Manuel Pablo, de quen destacaron “a súa capacidade para transmitir aos máis novos os valores históricos do deportivismo e converter esa experiencia nunha guía de crecemento deportivo e persoal”.

Ambos coincidiron en sinalar que este ascenso “non é froito da casualidade, senón do traballo conxunto dunha estrutura sólida, dunha dirección comprometida e dunha aposta firme polo talento desenvolvido na casa”.

Finalmente, subliñaron que o éxito acadado polo Fabril “non só supón o ascenso dun equipo, senón que representa o crecemento do futuro de todo un club e unha excelente noticia para o conxunto do fútbol galego”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026