A Xunta acolle unha reunión de coordinación dos operativos contra incendios forestais da provincia de Lugo

Todos os servizos implicados participarán o 27 de maio nun simulacro de lume de nivel 2 entre Baleira e Castroverde para ensaiar a resposta conxunta dos equipos de emerxencias ante unha situación de risco

Lugo, 19 de maio de 2026

A Xunta organizou unha reunión dos operativos contra incendios da provincia de Lugo para coordinar accións de cara ao inicio da época de alto risco de lumes forestais.

A xuntanza contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e membros da Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), os servizos de Emerxencias e Patrimonio Cultural de Lugo, a Unidade de Policía Adscrita a Galicia, a Subdelegación do Goberno, a Garda Civil, o Consorcio Provincial de Bombeiros, Cruz Vermella e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

Tamén acudiron representantes dos concellos de Castroverde e Baleira, xa que unha das actuacións previstas é un simulacro de incendio forestal que se desenvolverá o 27 de maio neses dous municipios.

O obxectivo é ensaiar a activación do Plan especial de Protección Civil fronte a incendios forestais (Peifoga) en situación 2, probando a resposta conxunta de todos os operativos que estarían implicados nun lume con posible afectación a persoas, terreos forestais,  núcleos de poboación e bens patrimoniais.

Arias explicou que a actividade forma parte das accións de implantación do Peifoga e o Pladiga (Plan de defensa contra os incendios forestais de Galicia), para garantir a correcta intervención de todos os equipos involucrados nunha situación real de risco.

Reforzo do Pladiga

O delegado resaltou que a Consellería do Medio Rural reforzou este ano o Pladiga, dotándoo de máis medios, tecnoloxía e recursos de prevención fronte aos lumes. Entre as principais novidades figura a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que incorpora a IA; e a creación dunha app para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais.

En relación cos medios humanos, refórzase a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; e incorpóranse 42 novas brigadas para a tempada de alto risco. No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózeres para labores preventivas e máis medios áreos, con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026