A Xunta avoga pola colaboración para a captación de novas rutas aéreas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes puxo en valor no Parlamento o compromiso trasladado polo Goberno galego cunha proposta clara, razoable e transparente pese a non ter competencias na materia
Diego Calvo salientou a aposta de sumarse á proposta de Aena para captar novas rutas a través da promoción en orixe, destinando 100.000 euros a cada nova ruta cun máximo de dúas por aeroporto ao ano
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avogou hoxe no Parlamento de Galicia pola colaboración para a captación de novas rutas aéreas. En resposta a unha pregunta sobre as actuacións da Xunta na consecución deste obxectivo, o conselleiro incidiu en deixar de lado “as liortas” e na necesidade de “traballar todos xuntos nunha mesma dirección” para revitalizar os aeroportos e dispoñer dunha oferta de mobilidade atractiva.
Diego Calvo puxo en valor o compromiso trasladado pola Xunta, pese a que as competencias en coordinación aeroportuaria son estatais, cunha “proposta clara, razoable e transparente”.
Así, lembrou que ante a redución da oferta de prazas e destinos a Xunta propuxo, no seo do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia, a constitución dun grupo de traballo de conectividade aérea para traballar na busca de solucións no marco da colaboración institucional para acadar rutas rendibles no tempo e da man de Aena, “que é quen ten os datos das aeroliñas e o caso de negocio”.
Destacou tamén a aposta autonómica de sumarse desde o primeiro momento á proposta de Aena de captar novas rutas a través da promoción en orixe, co compromiso de destinar 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano. Nesta liña, lembrou que se lles ofreceu aos concellos a posibilidade de realizar esta promoción en orixe a través da Xunta ou de xeito directo mediante convenios. Segundo indicou, a promoción en orixe “é a postura que practicamos desde hai anos, destinando 13 millóns de euros anuais a este cometido”.
Cómpre lembrar que o Goberno galego promoveu distintas reunións cos sectores empresariais e coas deputacións provinciais para explicarlles a postura autonómica, como xa se fixera no grupo de traballo de conectividade aérea de Galicia, onde están representados os concellos. Como resultado destes encontros, o conselleiro agradeceulles ás deputacións da Coruña e de Pontevedra que decidisen sumarse á proposta da Xunta.