Belén do Campo recibe o premio ‘San Xoán-2026-Inés de Ben’ ao coruñesismo polo seu labor ao servizo da cidade da Coruña
A representante da Xunta expresou o seu agradecemento á Asociación de Hogueras de San Xoán por este recoñecemento, destacando a súa vinculación e apoio continuo á entidade desde os seus inicios
A Coruña, 20 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, foi distinguida co premio “San Xoan” “Inés de Ben” ao coruñesismo, un recoñecemento que pon en valor a súa traxectoria e compromiso ao longo dos anos ao servizo da cidade da Coruña. A entrega tivo lugar no marco da LIV Festa do Aquelarre Poético, celebrada como acto de exaltación da LVI Meiga Maior das Hogueras de San Xoán.
O galardón leva o nome de Inés de Ben, figura histórica e simbólica estreitamente ligada ao espírito coruñés, considerada pola tradición das Hogueras de San Xoán como unha referencia de identidade local e de defensa das raíces culturais da cidade. A súa lembranza mantense viva a través desta distinción, que cada ano recoñece o compromiso co coruñesismo e coa preservación das tradicións populares.
No transcurso do acto tamén se entregaron o resto dos galardóns como recoñecemento ao labor realizado por institucións, entidades e particulares en beneficio da cidade. Concretamente,o premio “Rei D. Afonso IX” ao labor institucional ao Corpo da Policía Local; premio “María Pita” aos valores cidadáns a Marisol Soengas; premio “Tenente Xeneral Fernández Vallespín” á cultura e aos valores artísticos á Asociación Eidos; premio “Marineda” ao deporte ao periódico DXT Campeón e o premio “Rei D. Carlos I” á iniciativa empresarial e ao esforzo innovador a Constantino Fernández Pico.
Belén do Campo expresou o seu agradecemento á Asociación de Hogueras de San Xoán por este recoñecemento, destacando a súa vinculación e apoio continuo á entidade desde os seus inicios. A delegada puxo en valor o traballo sostido da asociación na defensa, promoción e preservación dunha das celebracións máis emblemáticas da cidade.
Neste sentido, subliñou que o acto celebrado no marco do Aquelarre Poético constitúe un dos momentos centrais da programación previa ás festas de San Xoán, unha celebración que, segundo destacou, “non sería posible entender sen o labor constante da asociación”.
Do Campo salientou tamén a importancia do traballo desenvolvido pola entidade ao longo dos anos, que foi fundamental para o recoñecemento das Hogueras de San Xoán como Festa de Interese Cultural de Galicia e como Festa de Interese Turístico Internacional, consolidando así o seu papel como unha das grandes citas festivas e identitarias de Galicia.