O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración vén de asinar convenios con distintas entidades do terceiro sector
A Xunta de Galicia aposta pola formación para acadar persoas consumidoras máis informadas e responsables
José González pon en valor a colaboración coa Federación de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), con Cáritas (Federadas de Galicia e Diocesana de Lugo), con Once Galicia e con Provivienda
O convenio de colaboración con Fegaus promoverá a realización de talleres sobre diferentes temáticas de consumo responsable de interese para as persoas maiores, mentres o resto centraranse nos colectivos sociais máis vulnerables
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, vén de asinar cinco convenios con entidades do terceiro sector co obxectivo de impulsar a formación orientada a acadar persoas consumidoras máis informadas e responsables. En concreto, coa Federación de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), Cáritas Federadas de Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo, Once Galicia e Provivienda.
En concreto, o convenio de colaboración con Fegaus promoverá o desenvolvemento de actividades de formación dentro do programa Consumo Sénior, que consistirán na realización de 10 talleres sobre diferentes temáticas de consumo responsable de interese para as persoas maiores, de xeito presencial ou telemático. Os dereitos das persoas consumidoras, as compras e o valor das opinións na internet, as precaucións á hora de contratar, a forma de reclamar ou como darlle unha segunda vida aos produtos que xa non se utilizan son algúns dos contidos previstos.
Mentres, co resto de entidades organizaranse actividades de carácter formativo e divulgador en materia de consumo, sobre todo en relación co fomento da formación e a educación das persoas máis vulnerables, para que coñezan os seus dereitos e poidan consumir de forma responsable e eficiente nun mercado cada vez máis globalizado e cambiante. Así, prevense contidos centrais como os dereitos básicos das persoas consumidoras, os servizos financeiros, os de luz e gas, telefonía, vivenda, etc.
As actuacións articularanse, no caso de Cáritas Federadas de Galicia e Cáritas Diocesana de Lugo, nunha formación de formadores (entidades e persoas colaboradoras, persoal técnico e de atención primeira das entidades), co obxectivo de difundir as prácticas de consumo responsable mediante a impartición por parte do IGCC de talleres sobre diferentes temáticas de interese para os colectivos máis vulnerables, nas modalidades telepresencial e/ou presencial. A maiores, realizaranse talleres dos que se beneficiarán directamente os colectivos de persoas máis vulnerables.
No caso de ONCE Galicia e Provivienda, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia deseñará e elaborará o contido de tres talleres e a formación de formadores, incluída a execución da formación.