A Xunta participa no Porto nun foro arredor do proxecto transfronteirizo Iqual Campus a prol da igualdade laboral en Galicia e no norte de Portugal
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais interveu hoxe no arranque do foro ‘Pontes para a formación transfronteiriza en igualdade de xénero laboral’, poñendo en valor a plataforma en liña habilitada no marco da iniciativa de colaboración
Pablo Fernández destacou que aborda cuestións como o dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable, a igualdade retributiva ou a elaboración e aplicación dos plans de igualdade, entre outras
A plataforma enmárcase nun proxecto Interreg POCTEP (España–Portugal), liderado polo Goberno galego e no que tamén participan a Universidade de Santiago de Compostela, CIM Alto Minho, CIM do Cávado e a Universidade do Porto
Porto (Portugal), 21 de maio de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, interveu hoxe no arranque do foro Pontes para a formación transfronteiriza en igualdade de xénero laboral, organizado no Porto dentro da iniciativa formativa Iqual Campus que ten como finalidade reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral. Enmarcado no programa homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal) e liderado pola Xunta, o proxecto busca poñer en valor a igualdade de oportunidades no emprego mediante un campus en liña gratuíto dirixido á cidadanía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, da man da Universidade de Santiago de Compostela, da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, da Comunidade Intermunicipal do Cávado e da Universidade do Porto.
Aberto a todas as persoas interesadas na igualdade laboral, Iqual Campus permite a cada participante deseñar o seu propio itinerario formativo, accedendo a contidos específicos orientados tanto ao ámbito docente, como ao persoal técnico de igualdade ou á cidadanía en xeral que desexe adquirir coñecementos básicos nesta materia.
Os contidos formativos abordan cuestións clave como o dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral, a igualdade retributiva, a elaboración e aplicación dos plans de igualdade ou a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Así mesmo, inclúense aspectos relacionados coa protección dos dereitos das persoas traballadoras vítimas de acoso ou violencia de xénero.
Este proxecto transfronteirizo completa outras iniciativas do Goberno galego nesta materia, como o Campus en liña de igualdade laboral —unha plataforma de formación gratuíta dirixida á sensibilización e capacitación en igualdade efectiva no ámbito do traballo— ou o programa Que non te líen, ti elixes —impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a prol da libre elección de profesión sen estereotipos de xénero—.